Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A lingua que nos acubilla e define

martes, 24 de diciembre de 2013
Dun xeito sinxelo e pragmático poderíamos definir a un idioma (sen discriminación na súa elección) coma un organismo vivo, que recibe o alimento para termar da súa arquitectura vital a través do uso cotián que exercitan os falantes do mesmo. Mentres que o edificio tenderá a derrubarse cando os alicerces que o sosteñen se vaian esfarelando, coma unha construción de po e anacolutos, por culpa dos tremores circunstanciais que perpetren neles a falta de apego e a ausencia de empatía por habitar ese devandito edificio idiomático.

Con este parágrafo precedente quixen parafrasear con certa ousadía as palabras magnificamente albergadas na conferencia pronunciada por Darío Villanueva en Vilalba o pasado 20 de decembro. Nun acto, fomentado por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, centrado no tricentenario da Real Academia Española, o secretario da mesma veu a dicir que a bíblica torre de Babel non foi un castigo para a humanidade, antes ben, hai que entendela coma un reto, mediante o cal o suxeito falante consegue superar o estado de confusión lingüística, alcanzando a interacción duns sistemas idiomáticos con outros e fornecendo o entendemento da pluralidade social.

A capacidade lingüística faculta ao ser humano para a construción de estruturas comunicativas complexas que lle confiren a posesión dunha certa exclusividade fronte aos restantes seres vivos. Aínda que, ás veces, ese dominio dunha estrutura lingüística complexa provoca situacións de maior confusión, cando non de maior nivel incomunicable entre os falantes implicados, porque a capacidade lingüística da fala leva inherente a liberdade no desenvolvemento da mesma. Dado que ese organismo vivo, ao que me refería ao comezo, é, asemade, unha entidade abstracta que vai tomando corpo na realización libre e concreta da fala.

As linguas evolucionan dentro do proceso diacrónico no que se mergullan. Como organismos vivos latexan ao ritmo dos latexos dos individuos que as soportan. E, por desgraza, poden chegar a fenecer se o latexo interesado dos individuos por elas calla nunha nova longa noite de pedra. Continxencia esta última que abre as lúgubres portas do abismo infinito, do cal xa non hai retorno. Abismo do que temos que afastar esta lingua na que eu lles escribo, o meu amado galego. Que non se converta por fatal analoxía no dálmata do século XXI. Só de nós depende, os falantes, se é que como tales desexamos preservar a bandeira principal que enarbora a nosa cultura, e, por extensión, a nosa identidade galega.

A capacidade que posuamos para empregar de modo indistinto unha ou outra lingua fainos máis libres e, inexorablemente, máis sabios. Só os autócratas de pensamento e os estultos de gramática nos condenarán entre as paredes do silencio.
Maseda Lozano, Martiño
Maseda Lozano, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES