Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O arume da poesía

martes, 17 de diciembre de 2013
A palabra poética vestiu este pasado domingo, 15 de decembro, roupaxes de celebración no lugar de Gres, aló por Vila de Cruces, onde está situada a Fundación Neira Vilas, coa entrega do Premio ARUME de Poesía para Nenos, que convoca a devandita Fundación. Nun local sinxelo e, asemade, acolledor alí nos xuntamos para acompañar coa nosa agarimosa presenza á persoa que resultou gañadora e darlle ou reiterarlle os nosos parabéns por ter conseguido tan importante galardón.

Pois ben, os chairegos, como é sabido xa, estamos de fortuna porque na presente edición do Premio ARUME foi o poemario CANTIGAS PARA APRENDER A SOÑAR da poeta vilalbesa María Xosé Lamas o que namorou o espírito deliberativo do xurado. Eu, permítanme esta ousadía que non pretende ser subxectiva, debo afirmar que concordo plenamente coa tal decisión. Tiven a sorte de coñecer e ler, de somerxerme nas augas transparentes e limpas deste río poético, de respirar o recendo que exhala o arume de cada verso, e agradoume dende o primeira lectura. Así llo fixen saber á súa autora, e a consecución do premio amosoume que non estaba enganado.

CANTIGAS PARA APRENDER A SOÑAR non só nos alegra o espírito coa emoción que mana del, senón que nos presenta un matiz didáctico, facilmente aproveitable na ensinanza dos nenos/-as. Así o advertimos na mesma cerimonia de entrega do Premio, xa que foron catro nenos os que leron outros tantos poemas pertencentes a este libro gañador. E iso pode pasar desapercibido nunha singular percepción, mais empúrranos a crer que non todo está perdido, que a implicación dos propios nenos no mundo da literatura, por ende, no mundo da cultura, propiciará a apertura dunha fiestra de esperanza que dilúa o noso escepticismo ante esa posible derrota da nosa identidade coma pobo. A cultura fainos libres, alimenta o noso espírito crítico, e a poesía convídanos á rebelión, a pelexar contra a autocracia dos necios.

Daquela, ratifico os meus parabéns ás institucións que, dun xeito nobre, seguen a manter viva a chama da cultura (sobre todo, a galega). Con todo, o labor de ditas institucións non tería ningún sentido sen a sublime existencia dos autores, como a propia María Xosé Lamas, que agasallan cos froitos da súa imaxinación e dos seus sentimentos aos famentos de acougo, aos que desexan medrar libres de calquera convención que os oprima. Aos que desexan levar para sempre impreso no seu corazón un libro de CANTIGAS PARA APRENDER A SOÑAR.
Maseda Lozano, Martiño
Maseda Lozano, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES