Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un quero e non podo

lunes, 09 de diciembre de 2013
O xoves ó mediodía, cando cheguei á casa para xantar, atopei por riba da mesa unha carta da Dirección General de Tráfico que me meteu un susto de primeiras, pois tan pronto a vin pensei para min, '¡Hala! Outra multa', ó mesmo tempo que empecei a rebobinar para tratar de descubrir onde podía ter cometido algunha infracción, tipo exceso de velocidade ou algo así e, sobre todo, cándo, momento xusto no que unha lenda exterior que me informaba de que 'contiene datos relevantes de su vehículo' me acendeu a luz de que seguramente había ser esa famosa carta sobre a que tiña lido algo nos medios de comunicación e que dende esa Dirección Xeral decidiron enviar a tódolos propietarios de vehículos de máis de dez anos de antigüidade.

Cando lin esa información na prensa e souben dos debates políticos que a mesma suscitou, entendín -erroneamente- que os responsables de Tráfico, ademais de lembrarnos en papel con membrete oficial o que o noso coche, cos seus ruídos e as súas pequenas eivas, nos recorda cada vez que montamos nel, é dicir, que é un coche vello..., entendín -repito- que nos recomendaban encarecidamente a súa substitución por outro máis novo porque seica lles preocupa que a nosa mobilidade sexa segura para nós, para os que viaxan connosco e para os que circulan no noso entorno.

Certamente no fondo tiña dúbidas de que fosen quen de remitir unha carta neses termos tan 'audaces', pero, por se acaso, a miña resposta pola calada ía no sentido seguinte: 'Pois se queren que renovemos o parque móbil nacional que nos financien a substitución e verán cómo en menos de que os días empecen a crecer as estradas, as autoestradas e as rúas das cidades se transforman en auténticas pasarelas do motor, ademais de revitalizar a industria'.

Pero non. E como ben maliciaban as miñas dúbidas, unha vez lida a carta concluín en que a mensaxe ben a ser algo así como un quero e non podo, un 'querer dicir, pero pero sen dicir' ou, en todo caso, un amplo circunloquio de media ducia de parágrafos con varias direccións por se queremos ampliar información sobre os datos do noso coche e cunha mensaxe en negriña que di: 'En un reciente estudio, este Organismo ha constatado que en los vehículos accidentados en carreteras convencionales, el riesgo de que haya al menos un fallecido se duplica en los vehículos antiguos respecto a los más modernos y con mayor equipamiento de seguridad activa y pasiva'.

Entón pregunteime: ¿Cantas cartas enviarían ó longo do país? ¿Cantos millóns de euros suporía a confección e envío das mesmas? ¿Cantos cartos gastaron dos nosos petos para lembrarnos unha obviedade? É dicir, que cada día somos un pouco máis pobres e andamos sobre chatarra contra a nosa propia vontade de pexados consumidores.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES