Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Uned Senior no Museo de Lugo

lunes, 09 de diciembre de 2013
Uned Senior no Museo de Lugo VISITA, NO MUSEO DE LUGO, Á EXPOSICIÓN DE CERÁMICA DE ISAAC DÍAZ PARDO

O tres de decembro, os alumnos e alumnas da Uned Senior de Xestoso, acompañados polo noso profesor Felipe Senén López, e polo noso coordinador Luís Ángel Rodríguez Patiño, visitamos, no Museo de Lugo, a exposición dedicada a Isaac Díaz Pardo. Ademais de pezas antigas de cerámica da Reales Fábricas de Sargadelos, fundadas por Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, no século XVIII, utilizando o caolín, materia prima da que dispoñía nesa zona de Cervo.

Vimos tamén pezas de cerámica da Cartuja de Sevilla, de Cartagena, pezas de cristal da cerámica da Granxa. Azulexería, pezas utilizadas para o aseo, cerámica de Teruel, de Manises, de Albacete, e, sobre todo, de Andalucía.

Na primeira etapa de Sargadelos, fabricáronse, primeiro, os alvarelos para as boticas, maceteiros, etc.; non hai aínda decoración. Máis tarde, empezou a fabricarse a propia cerámica de Sargadelos. Na segunda etapa, as formas xa son máis estilizadas e decorativas, por exemplo, o xarrón de cinco dedos, etc. Na terceira etapa, mambrús, burriños, canciños, vírxenes, louza pintada, moi decorada. Hai unha parte que se confunde coa da Cartuja. Na cuarta etapa, hai elementos sacados da natureza, tinteiros, salseiras, escupideiras, louza iluminada, cerámica con pintura difuminada, estampado difuminado. Paisaxes imaxinarias, con escenas do Quixote, temas pastoriles, pratos de Santiago, Granada, o porto da Habana, etc. Esta etapa de Sargadelos rematou coa morte de D. Raimundo Ibáñez, acusado de afrancesado e arrastrado por Ribadeo.

Contemplamos tamén un cadro de Jesús Rodríguez Corredoira, unha muller galega, co mantelo de veludo, decorada con xoias de prata, feitas en filigrana. O pano de Cachemire, o azabache, etc. Todo isto forma parte do traxe popular galego. Había, asimesmo, figas contra o mal de ollo, santiños, etc.

Uned Senior no Museo de Lugo Seguidamente, entramos na sala dedicada a Isaac Díaz Pardo, que se corresponde coa quinta etapa de Sargadelos. Isaac Díaz Pardo era fillo de Camilo Díaz Valiño, quen posúía en Santiago un taller de escenografía, e era unha persoa moi comprometida con Galicia, polo que, durante a guerra civil, foi paseado como outros moitos compañeiros. Isto marcou moito a Isaac, quen adquiriu o mesmo compromiso que seu pai. Formouse na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, e, despois de pasar por Italia e Barcelona, chegou a ser un pintor moi afamado. Pero, en vez de continuar por ese camiño de xeito individual, decidiu, xunto con Luís Seoane e a súa muller Mimina, crear a fábrica de cerámica do Castro, en 1.950, para dignificar a cultura galega e a memoria histórica. É unha empresa basada en principios éticos e de compromiso con Galicia.

Máis tarde, iniciou a restauración das antigas fábricas de Sargadelos. Os seus deseños son unha mezcla entre vangarda e tradición. Pezas únicas, sacadas da historia de Galicia. Pezas realistas, placas para mobles. Logo, pezas máis abstractas, monstros tomados dos canicelos románicos, xogos de café, deseños modernos de pratos, etc. En Magdalena, Arxentina, tamén fundou unha fábrica, con temas de gauchos, etc.

Hai unha colección de carteis moi interesante, que Isaac Díaz Pardo deseñou para as súas fábricas. Ademais do deseño artístico, posúen unha grande carga didáctica e pedagóxica para todos os traballadores.

No 1.963, crea o Laboratorio de Formas, que é a segunda parte do Seminario de Estudos Galegos. El quería construír unha imaxe de Galicia a través das formas, porque temos as materias primas e moita historia detrás. Os temas dos petróglifos, das cerámicas de Buño recreadas dun xeito moderno, etc. O último que fixo é unha colección de figuriñas de rapazas desnudas.

Arte e industria, tradición e modernidade. Compromiso social e dignificación da cultura galega. Isto foi Isaac Díaz Pardo, un dos bos e xenerosos, a quen, desgraciadamente, ninguén llo agradeceu, nin os traballadores nin as institucións.

Pero nós, alumnos e alumnas da Uned Senior de Xestoso, SI cho agradecemos, Isaac, e onde queira que esteas, enviámosche o noso saúdo agarimoso.
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES