Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A lacra da violencia de xénero

miércoles, 27 de noviembre de 2013
A VIOLENCIA DE XÉNERO, UNHA LACRA DA NOSA SOCIEDADE

A violencia de xénero é aquela que se exerce contra a muller desde as orixes da humanidade. E, no decorrer da historia, outras escravitudes foron desaparecendo, pero, o maltrato que sofren as mulleres segue estando presente nos nosos días.

A pobreza e a miseria no mundo padécena maiormente as mulleres, o analfabetismo, a carencia dunhas condicións hixiénicas e sanitarias, etc. Todo o sacrificio e responsabilidade que leva consigo o sustento da familia está a cargo das mulleres en moitas zonas do Planeta, e levado a cabo en condicións infrahumanas.

Non podemos deixar de poñer en evidencia o papel secundario que desempeña a muller no mundo musulmán, onde só pode realizar a súa actividade, silenciada, no ámbito privado, no interior do seu fogar. E xa non falemos da ablación que sofren moitas nenas en varios países, sendo mutiladas para o resto da súa vida, e abocadas a un gran sufrimento físico e sicolóxico.

No noso mundo occidental, tamén se exerce a violencia contra as mulleres. A máis grave, por suposto, é a que experimentan as mulleres que son asasinadas polas súas parellas ou exparellas. Pero, non só é esa. A maioría destas mulleres, antes de chegar á morte, xa son maltratadas e desprezadas por uns energúmenos que as consideran un obxecto da súa propiedade.

Exércese violencia contra a muller cando se utiliza a súa persoa, no mundo publicitario, como obxecto decorativo: anúnciase o coche de luxo cunha rapaza ao lado, etc., etc. O mesmo ocorre cos concursos de misses, coas modelos das pasarelas de moda, que as fan adelgazar ata a extenuación para amosar un prototipo de muller lánguida, que responda aos cánones de beleza que lles interesa aos empresarios da moda.

Exércese violencia contra a muller cando, nun mesmo posto de traballo, se lle paga máis a un home que a unha muller. Ou cando unha muller é despedida do seu traballo por estar embarazada. Ou cando non se protexe a maternidade como debera de ser.

Exércese violencia contra a muller cando non se ten en conta a súa opinión, e se lle di: “ cala, que ti disto non entendes nada”. Ou cando non se considera a súa valía persoal e profesional, e se lle poñen obstáculos que impiden a súa promoción laboral, política e social.

Exércese violencia contra a muller cando toda a sociedade cre que ten que vestir e calzar dunha maneira determinada. Por que a maioría das mulleres temos os pés deformados e temos que acabar pasando por quirófano para poder calzarnos e seguir camiñando normalmente? Non será polos zapatos pouco cómodos e anatómicos que temos asumido que debemos levar(mesmo tacóns de trinta centímetros)?

E quero referirme a outro tipo de violencia contra a muller que me parece das máis terribles, e é a prostitución. Para min, as prostitutas son as escravas do século vinte e un. E que ninguén me diga que este é o “oficio máis antigo do mundo”, porque a escravitude tamén é tan antiga como o mundo, e tratamos de erradicala. As persoas non se compran nin se venden. E o que intenta e compra estes servizos é un dos maiores agresores e que atenta contra a dignidade das mulleres. E está exercendo unha gran violencia de xénero. Ningunha muller se dedica á prostitución libremente, por gusto, senón que sempre hai detrás unha grande miseria económica e moral. E ningún home pode abusar desa situación.

Finalmente, quero referirme ao trato que a Igrexa Católica lle dispensa ás mulleres. Para a xerarquía eclesiástica, a muller é un ser de segunda clase, e non permite que exerza un papel importante como lle ten reservado aos homes. Isto é inconcebible nos nosos días. E tamén é, de algún modo, violencia contra a muller. E o que hoxe, aquí, temos que denunciar é a publicación dun libro, por parte do obispado de Granada, que é unha auténtica apoloxía da violencia contra a muller. Se Pilar Primo de Rivera levantara a cabeza estaría escandalizada, pois este libro supéraa. E, desgraciadamente, está escrito por unha muller. Penso que os tribunais deberían actuar ante semellante delito.

A violencia contra a muller evítase con moita educación. E o ministro do ramo, non só recorta os orzamentos dedicados á escola pública, senón que subvenciona aos colexios que separan os alumnos por sexo, vamos que están promocionando, no futuro, a violencia contra as mulleres.

E nós, ademais de celebrar o Día contra a Violencia de Xénero, temos que procurar, na nosa vida diaria, ser moi respectuosos con todas as persoas, mulleres e homes, aprezando a todos na súa dignidade, sen diferencias de ningún tipo. E, sobre todo, coidar o vocabulario, porque a linguaxe tamén poder ser machista, e caldo de cultivo da mala educación e da falta de respecto, que pode acabar en violencia de xénero.

(Mª Lourdes Pérez Freire é alumna da Uned Senior de Xestoso, aula de Paderne).
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES