Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quen é o que no quen é?

lunes, 11 de noviembre de 2013
Mahatma Gandhi: "O camiño da paz é o camiño da verdade".

O escritor alemán Gustav Meyrink rescatou da lenda xudía o Golem. O Golem era, ( ou aínda é ), un ser creado de arxila pola man dun rabino que lle dá vida para que defenda o gueto dos Pogroms dos xentís.
Di Jorge Luis Borges no limiar ao poema do mesmo título que "o Golem é ao rabino que o creou, o que o home é a Deus, e é tamén, o que o poema é ao poeta".

O Golem é unha representación defensiva dos medos ante un perigo que se fai inevitable e xurdido desde as entrañas do incontrolábel. O amedrentado indefenso procura o amparo da súa imaxinación para fuxir virtualmente.
O Golem é un ídolo e polo tanto, o seu construtor traslada a el a potencialidade das posibilidades coas que conxurar un perigo ante o cal o construtor síntese indefenso.

Nada novo desde o principio dos tempos: As covas de Altamira representan ese conxurar, esa funcionalidade inmanente de atraer a figura representada con só a súa representación. Como non intentar o provocar a potencia a un acto volitivo que busca transcenderse con só pronunciarse? Velaquí a realidade da máscara: converter en fenómeno obxectivado a abstracción dos sentimentos naturais.

Pero o Golem é tamén un autómata que obedecerá as nosas ordes sen receo, nin dúbida. Esta é a súa verdadeira función, a obediencia absoluta, sen atrancos. O creador logra o máximo poder da súa creación cando logra o máximo poder sobre a súa creación. Cando anula en orixe toda posibilidade dunha posible, hipotética, rebelión. Velaquí que o ser creado chega ao estado perfecto: A manipulación do autómata sen importar xa o destino para o cal se creou. Un Caín se ningunha posibilidade de rebelión. O paraíso perfecto, sen unha nube. Algo así tiña que haber en Abel para que a súa relación co seu Creador non sufrise dalgunha dúbida.

Hai algo que se infire desta relación entre O Golem, o autómata, o androide, e o seu creador: A necesidade de superar un medo incontrolado fai controlador o creador e unha vez dominado ese medo, que non superado, o traballo do creador é o manexo dese autómata; e logrará maior ou menor triunfo sobre o medo que orixinou a creación do autómata canto mellor o domine.

Hai medos externos, que se poden converter en incontrolables: logo hai a necesidade de crear un Golem. Unha vez creado hai que dominalo, manipulalo para que coa súa obediencia incuestionable non se revolva contra o seu creador. E isto é unha mostra de imposibilidade, pois é ben sabido biblicamente, mesmo antropoloxicamente, que o artefacto creado sempre termina desconcertándose, se revolve, e remata atacando a quen o creou. Como na maioría das historias acontece e acontecerá, porque é o natural discorrer o que a creación se rebele; e isto é así desde Caín, O Golem ou Hall na nave espacial.

E isto é así porque o autómata se mete nunha espiral de perplexidade ao notar a mendacidade nas sucesivas propostas do seu creador. É dicir, dalgún xeito, o autómata, o artefacto, o androide, humanízase e cede ante a aporía, á dificultade de comprender a lóxica da mentira.

Asemade, no proceso de creación e na súa posterior aprendizaxe, o androide modificou ao seu creador (que solicitoulle máis e distintas prestacións) na mesma proporción na que foi elaborado. O obxecto tamén constrúe ao suxeito. O condicionante é condicionado. O modelo modela ao orixinal. Porque o suxeito nunca é alleo ao obxecto, ámbolos dous se interactivan, desenvólvense xuntos e na mesma proporción.

Neste gueto que é o mundo, e por redución este país, están presentes todos os compoñentes deste drama: Temos un Golem?: Dende logo, así o creo. Un axente exterior por e para o cal foi creado?: Tamén. Un creador (Aínda Que aparentemente, esvaecido, enmascarado na súa propia omnipotencia): Así o penso.

I I

A política é unha relación de igualdade entre os cidadáns da polis. Ou polo menos é era o ideal primeiro. Logo a realidade impúxose con toda a súa crueza e esa igualdade quedou reducida a unha busca ideolóxica nunca cumprida e coa, aparentemente, morte das ideoloxías, a política converteuse no oficio dunha casta que usa unha representación subsidiaria por mor dunhas estratexias nas que se usa a democracia como un fin en si mesmo e non como o medio para conseguir eses ideais para os que a democracia foi trasladada do sono dos cidadáns á áspera realidade da ágora.

Este proceso está a ser acelerado nos últimos tempos por esta casta política que, agora máis ca nunca, se converteu na conseguidora das necesidades desorbitadas e espurias dos poderes fácticos, do poder con maiúsculas, do poder na sombra.

Este poder na sombra é un poder creador. Crea sobre a masa do pobo, do que loxicamente recea, artefactos cos que protexerse e aí é onde entra a casta política, a creación aparentemente perfecta para que o poder na sombra domine os seus medos.

Con iso, nas sucesivas estratexias, o poder na sombra creou un Golem, un autómata, que acepta a súa dirección sen atrancos, e é tanta a súa adecuación ao papel outorgado que xa non nega, nin nas súas presentacións en público, desa calidade de autómata. Ata o punto que as súas últimas roldas de prensa amosouse nunha pantalla de plasma; a virtualidade do ser humano, o máis semellante ao teleplasma, ao ectoplasma, como dirían os parapsicólogos.

Esta obediencia cega do autómata aos intereses do poder na sombra e a súa redución a espectro, non é a simple manifestación da capacidade de creación do poder, é sobre todo, a capacidade de abstracción deste poder que converte ao pobo, aos suxeitos de pleno dereito en obxectos manipulables. Esta abstracción é poderosa na mesma proporción que a súa necesidade, pois nin sequera o poder omnímodo é capaz de soportar a dureza das consecuencias dos seus actos. Por iso tamén recorren ao mesmo método co pobo e ao convertelo nunha abstracción, deshumanízao e con iso, ademais de previrse da posible conmiseración, négalle o diálogo ao que todo cidadán ten dereito; diálogo con distintas propostas, que en razoamentos e debates con tódalas partes presentes chégase a acordos proporcionados.

A globalización, a falta de moderadores, o ollar cara a outra banda dos organismos reguladores, o axeitarse das finanzas a unhas leis permisivas, a boa xestión dos financeiros en impedir que outras leis lles pecharan o paso, creou un ámbito propicio para que o capitalismo amosara a súa verdadeira vontade de depredar e obviara a súa depravación que durante un tempo se obrigara a agochar.

A falta de alternativas nuns políticos afastados da realidade e cegos da capacidade xenerativa, sempre consensuada, da ideoloxía, fixo o resto, que é o que temos agora.

O Golem coa súa estatura ficticia de quen é o que se cree ser, axigántase. O poder na sombra de quen é en si, diminúe a súa presenza detrás dos panos.

Agora ben, cedendo á orde interna da súa configuración, O Golem chegará a rebelarse?. Saberémolo no próximo capítulo?
Catoira Rey, Rafael
Catoira Rey, Rafael


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES