
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos está a desenvolver unha campaña de promoción para o bonito do norte que ten como lema Faino Bonito. Esta acción céntrase en catro ámbitos de actuación: actividades promocionais nos mercados galegos, anuncios en prensa e en radio, folletos e carteis dirixidos aos restauradores da nosa comunidade, e unha páxina web (www.fainobonito.com) na que se inclúe, ademais de información sobre este recurso pesqueiro, un concurso no que se premiarán as mellores receitas ou trucos co bonito como protagonista.
Estas actuacións promocionais teñen como obxectivo potenciar o consumo de peixe, en concreto do bonito do norte, entre a sociedade galega. Para lograr este fin, búscase dar a coñecer os beneficios que aporta esta especie a diferentes niveis, xa que é un recurso cun elevado valor nutritivo, rico en proteínas e vitaminas A,B,D e K, e que achega tamén minerais como calcio e iodo. Trátase, ademais, dun peixe de tempada e a súa presenza en fresco nos mercados prolongarase ata o mes de setembro, xa que ata esa data mantén o traballo da frota boniteira galega no caladoiro Atlántico norte na procura do mellor bonito.
No marco desta campaña, estanse a levar a cabo un conxunto de actividades nos mercados de abastos das principais cidades galegas que xa comezaron o pasado martes 29 de xullo na Praza de Lugo de A Coruña e que rematarán o vindeiro 12 de agosto na praza de Bouzas, en Vigo. Os outros destinos nos que se levará a cabo a promoción do bonito son Ferrol, Santiago, Ourense, Lugo, Monforte, Viveiro, Burela, Pontevedra e Vilagarcía. Nestas accións, para as que se conta coa colaboración de dous monitores, estase a informar aos vendedores de peixe e aos consumidores das características e propiedades deste túnido e, ademais, estanse repartindo gorros de Faino Bonito entre as peixeiras e dípticos informativos a toda a xente que se atopa facendo a compra no mercado.
Así mesmo, esta iniciativa contempla a difusión de anuncios en prensa escrita e radio que deron comezo esta mesma semana, e nos que se pretende resaltar, entre outras cuestións, a excelencia deste peixe azul san, saboroso e con múltiples posibilidades na cociña e as diferentes formas nas que se pode degustar á grella con tomate, ao forno, en ensalada....
Por outra parte, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tamén busca con esta campaña actuar nos propios restaurantes, co fin de promover a presenza do bonito do norte nas cartas dos establecementos hostaleiros galegos. Para iso, o departamento autonómico repartirá folletos informativos e carteis entre os locais co lema Faino Bonito
Finalmente, para completar as accións promocionais, Pesca puxo a disposición do público en xeral unha páxina web da campaña, www.fainobonito.com, na que poderán atopar receitas de bonito e información pormenorizada desta especie e da forma selectiva e respectuosa coa que se pesca. Ademais, todas aquelas persoas interesadas en aportar as súas ideas ou trucos de cociña, nos que este túnido sexa o protagonista, poderán participar nun sorteo dunha fin de semana nunha casa de Turismo Rural de Galicia.
A posta en marcha do Rexistro galego de persoas centenarias, Regace, sitúa Galicia nunha posición de referencia para o estudo da lonxevidade, posibilitando coñecer mellor as claves deste fenómeno e afrontar os retos que presenta. Preto de 1.800 persoas de cen ou máis anos viven na comunidade galega, o que supón ao redor do 12 % de toda a poboación centenaria de España, un dato que fala da realidade demográfica de Galicia e reflicte unha oportunidade única para aprender, investigar e avanzar. Deste xeito, Galicia presenta un dos mellores resultados no que a esperanza de vida se refire: 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, superando en ambos os casos a media estatal.
A mostra a 'Illa ignorada' estará aberta ata o 12 de febreiro de 2027 e toma o seu título do primeiro poemario da escritora Gloria Fortes. Nela cabe destacar os traballos tanto dos artistas galegos Alberto Ardid, Vicente Blanco, Andrea Costas, Caxigueiro, Fina Mantiñán, Juan Carlos Meana, Ariadna Silva, Seoane e María Elena Montero, como os de Abel Azcona, Amparo Garrido, Regina Giménez, Antoni Muntadas, Sonia Navarro, Íñigo Royo, Regina Silveira. Ademais desta nova mostra, o centro tamén inaugurou a ampliación, no dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea, da exposición Misha Bies Golas, que abriu ao público o pasado 22 de maio cunha escolma de máis de dúas décadas da creación heteroxénea do lalinense Miguel Calvo Ulloa, un dos fundadores do colectivo Nova Escultura Galega.