
O plan abrangue unha serie de accións que inclúen máis contratación de profesorado, máis formación, a actualización da normativa en materia de atención á diversidade, a reforma estrutural para blindar aínda máis unha educación á carta e a redución da burocracia ao servizo dunha mellor eficiencia e eficacia na atención educativa. Estamos nunha sociedade cada vez máis diversa. Este Plan quere garantir que cada alumno contará coa atención necesaria para desenvolver todo o seu potencial, indicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.
Estas novas medidas enmárcanse na liña de traballo aberta entre a Xunta e as organizacións sindicais CC.OO., ANPE, UGT e CSIF para intensificar e ampliar as recollidas no Acordo de melloras asinado en 2023, onde se acordou desenvolver un plan específico de impulso á atención á diversidade que agora se vai poñer en marcha.
Incremento de profesionais
Un dos puntos máis destacados do Plan, segundo explicou é que se reforzarán os centros escolares coa incorporación ou estabilización de 400 profesionais dedicados ás necesidades educativas especiais.
Así pois, co obxectivo de avanzar nunha atención máis especializada, a Consellería , tal e como explicou o presidente, imos contratar 200 profesionais especialistas de Pedagoxía Terapéutica para Secundaria, a razón de 100 neste vindeiro curso 2026-27 e outros 100 no curso 2027-28.
Paralelamente, flexibilizaranse os criterios de dotación de especialistas nos centros de primaria, o que permitirá consolidar arredor de 150 profesores de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe nesta etapa. Isto suporá que os centros que este curso contaban con persoal especialista a maiores dos que lle correspondía por catálogo, e que abandonaría o centro co fin do actual curso, a partir de setembro continuará reconvertido en persoal fixo alí onde se requira.
A maiores, contrataranse outros 50 novos profesionais para reforzar os departamentos de orientación naqueles centros que, polas súas características e necesidades, así o requiran. Os servizos de orientación desempeñan un labor esencial na organización, coordinación e xestión da atención personalizada ao alumnado nos centros escolares, polo que, desta maneira, se van potenciar os equipos de orientación específicos naquelas provincias e especialidades de maior demanda de intervención. Tamén se vai reorganizar o catálogo da rede de orientación para axustala á realidade actual.
Formación a actualización profesional
Outro dos puntos do plan incide na revisión da normativa e a formación e actualización profesional. Co fin de asegurar a súa idoneidade, vaise revisar a función orientadora nos centros de infantil e primaria e incidirase na formación para estes profesionais, que requiren de competencias específicas cada vez máis especializadas e axustadas ás tarefas propias do posto que lles permita dar resposta ás distintas situacións que se presentan nos centros educativos.
No caso dos orientadores de nova incorporación, tal e como explicou o conselleiro, durante o seu primeiro ano de exercicio profesional contarán cun co deseño dun itinerario formativo específico e outro de acompañamento e seguimento enfocado á análise da práctica profesional e á mellora progresiva do desempeño.
Simplificación de tarefas administrativas
Como parte do Plan para a simplificación das tarefas burocráticas, o Plan para o impulso da atención á diversidade tamén incorpora novas accións para unha mellor organización e axilización dos procesos administrativos dos departamentos de orientación, contribuíndo a reducir a burocracia para que, como indicou Rodríguez, poidan dedicar máis tempo a outras tarefas.
Así, a través de EdugalIA, o proxecto de intelixencia artificial aplicada á xestión educativa, vaise desenvolver a ferramenta GaliOrienta para a optimización das tarefas de xestión destes departamentos. Tamén se avanzará na dixitalización dos distintos trámites, con melloras na coordinación entre especialistas e centros educativos, e asignaranse credenciais de identificación dixital para o acceso a aquelas aplicacións asociadas ás súas funcións, o que redundará nunha optimización de recursos e nunha xestión máis áxil simplificando procesos e centrando o labor dos orientadores na intervención educativa propiamente dita.
Actualización da normativa e outras
Dado que a realidade dos centros escolares está en continuo cambio, é necesario revisar o marco normativo para a súa adecuación ás necesidades que van xurdindo co fin de asegurar unha resposta o máis eficaz posible e facilitar unha escolarización á carta, que atenda as casuísticas do alumnado e a preferencia das súas familias.
Neste senso, asegúrase que o sistema educativo galego conte con todas as opcións de escolarización posibles para que as familias elixan libremente a que máis se axuste ás condicións dos seus fillos. Isto é, a escolarización ordinaria, en centros de educación especial ou en escolarización combinada. Esta última pode alternar uns días nun centro ordinario e outros nun centro de educación especial, ou ben unhas horas nunha aula ordinaria e outras nunha aula de educación especial integrada no mesmo centro.
Estratexia de inclusión educativa
O Plan para o impulso da atención á diversidade en Galicia amplía o alcance inicial da Estratexia de inclusión educativa, que ten como obxectivo avanzar no actual modelo que fixo de Galicia un referente a nivel estatal como o ensino máis equitativo e inclusivo do Estado, tal e como establecen as estatísticas oficiais tanto do Ministerio de Educación como do informe PISA. Desde un espírito de mellora constante, blindará a igualdade de oportunidades para que cada alumno poida aproveitar as súas potencialidades, cun ensino á carta que se adapte ás necesidades individuais.
Queremos ofrecer unha educación adaptada ás necesidades reais do alumnado e as súas familias. Unha educación de futuro coa que axude a construír a Galicia Calidade que todos queremos, salientou o conselleiro.
Os 43 casos de uso activos representan un importante avance respecto dos sete cos que se iniciou o proxecto. Tamén medrou a participación institucional, pasando de 22 entidades adheridas en abril ás 36 actuais. Este crecemento evidencia a consolidación de OneHealth DataSpace como un ecosistema colaborativo no que administracións, centros de investigación, universidades, empresas e outras organizacións comparten, analizan, procesan e almacenan datos nunha contorna segura para impulsar solucións innovadoras desde unha visión integrada da saúde humana, animal e ambiental.
O porto da Coruña converterase este outono nun dos grandes espazos da música en directo en Galicia coa celebración da segunda edición de Son & Mar A Coruña. Entre o 18 de setembro e o 11 de outubro traerá á cidade máis de 30 artistas en 12 eventos repartidos ao longo de catro fins de semana, reforzando unha proposta que combina música, cultura e territorio. A principal novidade desta edición é precisamente o seu crecemento. Tras a boa acollida da estrea en 2025, Son & Mar A Coruña pasa de seis a 12 eventos, ampliando tamén a súa duración de dous a catro fins de semana consecutivos.