Noticias

A Filmoteca de Galicia estrea as películas do programa pedagóxico 'Cinema en curso' realizadas por 44 estudantes de tres centros de ensino

A Filmoteca de Galicia recibiu esta mañá na súa sede da Coruña o alumnado dos tres colexios galegos participantes no programa Cinema en curso para a estrea das películas que realizaron co acompañamento dos cineastas Alejandro T. Tarraf, Fon Cortizo e Ángel Santos no marco desta iniciativa pedagóxica internacional. Nesta nova edición de Cinema en curso participaron 44 estudantes e sete docentes de sexto de Primaria dos colexios A Reigosa de Ponte Caldelas, A Rúa de Cangas e Tenorio de Cerdedo-Cotobade. A Filmoteca encárgase da coordinación na nosa Comunidade deste proxecto internacional impulsado pola asociación A Bao A Qu, cuxa metodoloxía fundaméntase no vínculo entre ver e facer cinema.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, deulles á benvida á Sala José Sellier nesta sesión de clausura, onde os tres grupos presentaron cadansúa produción e mantiveron un coloquio tras as respectivas proxeccións.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recibiunos e felicitounos pola calidade dos filmes, ademais de agradecer o compromiso do profesorado no desenvolvemento desta iniciativa e a implicación do trío de cineastas que os acompañou este curso. “Volvemos conseguir tres novos títulos, dous documentais e un de ficción, que ademais do evidente labor pedagóxico transversal, xa cumprido, pasan agora a formar parte do arquivo fílmico da cinemateca galega, que é tamén a vosa casa e onde teredes sempre un espazo para continuar afondando no voso interese polo cinema”, continuou Sutil.

Alfabetización audiovisual

Lembrou, ademais, que este programa se insire no conxunto de actividades centradas na alfabetización audiovisual que a Xunta promove a través da Filmoteca de Galicia e do que tamén forman parte os talleres de Fotografía en curso ou as proxeccións de Filmoteca júnior e Outras miradas. No curso 2024-2025, todas estas actividades chegaron a 1.765 estudantes e 49 docentes de 29 centros de ensino galegos.

A Filmoteca encárgase da coordinación na nosa Comunidade de Cinema en curso, proxecto internacional impulsado pola asociación A Bao A Qu cuxa metodoloxía educativa fundaméntase no vínculo entre ver e facer cinema. A iniciativa celebra a súa 20ª edición cun radio de acción que se estende xa a España, Alemaña, Eslovenia, Lituania, Serbia, Colombia, Xapón, México e Tanzania.

Filmes sobre o territorio e as cuestións vitais da rapazada

Tras a benvida de Jacobo Sutil, a xornada comezou coa proxección de Un templo sen teito, un documental gravado na Área Arqueolóxica de Tourón no que se recolle a lingua dos petróglifos e as vivencias e lembranzas que habitan o lugar a través da voz de tres veciños. Este filme foi realizado polo alumnado de 6º de Primaria do colexio Plurilingüe A Reigosa de Ponte Caldelas e contou co acompañamento de Alejandro T. Tarraf.

Vincles, apertas, paraules fermosas entre Cangas i Torrelameu é a proposta de 6º de Primaria do colexio A Rúa de Cangas, co acompañamento de Fon Cortizo. Trátase dunha correspondencia cinematográfica realizada xunto a escolares de Torrelameu, en Lleida, que á súa vez estaban titorizados pola cineasta catalá Ingrid Ferrer. A través das cartas cinematográficas enviadas entre os dous equipos, descubriron as súas respectivas vilas desde o cinema, retratando e compartindo espazos, tradicións e palabras nos dous idiomas.

A fita de ficción Caer na conta está asinada polo curso de 6º de Primaria do colexio de Tenorio, no municipio de Cerdedo-Cotobade. A historia, para a que contaron coa guía do director Ángel Santos, conta a vida de Marcos, un neno que pasa as tardes cos seus avós e que, antes de comezar unha nova etapa no instituto, sente que o tempo se lle escapa e que todo está a mudar arredor del.

Presentacións nos seus concellos

Tras as estreas de hoxe, as tres películas presentaranse este mes nos seus lugares de orixe: Un templo sen teito proxectarase o martes 17 ás 20,00 h. na praia fluvial A Calzada de Ponte Caldelas; Vincles, apertas, paraules fermosas entre Cangas i Torrelameu, tamén o 17 ás 16,30 h. no Auditorio Xosé Manuel Pazos de Cangas, e Caer na conta, o venres 20 no Auditorio de Cerdedo-Cotobade. Posteriormente, poderán verse en liña no sitio web de Cinema en curso e no da Filmoteca de Galicia.

Fotografía en curso é outra das actividades pedagóxicas desenvolvidas pola cinemateca galega, no marco da que este 2024-2025 se levaron a cabo oito proxectos fotográficos en 11 centros educativos coa participación de 835 estudantes, desde Educación Primaria ata Bacharelato, e 32 docentes. Como parte desta acción, hoxe venres ás 18,00 horas inaugúrase na Estrada a exposición Aprendendo da festa, do alumnado de Bacharelato de Artes do instituto Manuel García Barros.

R., 2025-06-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (cambio-hora.jpg) En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúse, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar a metodoloxía aplicada neste estudo, constataron que 'o que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática'.
Foto de la tercera plana (oposicions.jpg) Un total de 15.733 persoas concorrerán ás oposicións de Educación deste ano 2026 segundo a listaxe provisional de admitidos publicado no Portal Educativo. Cómpre lembrar que, froito do acordo entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e os sindicatos CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF, como novidade nesta ocasión os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, co obxectivo de axilizar o proceso. Isto provoca un descenso de case o 23% nas probas respecto á convocatoria do ano pasado. En concreto, 4.689 aspirantes menos. A Xunta de Galicia convoca para este proceso un total de 1.601 prazas, o que supón esgotar o 120% da taxa de reposición marcado polo Estado.

Notas

Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine, que presenta a súa Competición Internacional, unha selección de obras recentes do cinema contemporáneo internacional con películas procedentes de distintos contextos e xeografías. A sección reúne títulos de diversas procedencias, con obras de Europa, América, África e Asia, en formatos que van da curtametraxe á longametraxe.
El próximo 1 de mayo, la localidad salmantina de Escurial de la Sierra acogerá la Primera edición del Festival Miña Ruliña, una iniciativa cultural promovida por el Centro Gallego de Salamanca que nace con el objetivo de acercar la música tradicional a toda la ciudadanía, promoviendo el conocimiento, la participación y el disfrute de un patrimonio que forma parte esencial de nuestras raíces.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES