Noticias

Galicia exixe ao Goberno central que tramite con axilidade o reparto entre as comunidades dos fondos de 2024 para compensar e previr os danos do lobo

Galicia instou hoxe ao Goberno central a tramitar con celeridade o reparto dos fondos de 2024 destinados tanto a compensar os danos causados polo lobo nas explotacións gandeiras como á adopción de medidas de prevención coas que evitar eses ataques. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lamentou durante a súa participación por videoconferencia na reunión da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade que non se transferisen os fondos de 2023 como consecuencia da anulación por parte da Intervención Xeral do Estado do procedemento iniciado polo Executivo central ao detectar eivas na súa tramitación.

Esas obxeccións obrigaban a iniciar de novo o proceso, o que implicou un retraso máis incumprindo os prazos comprometidos e causando un prexuízo adicional ao sector gandeiro afectado. Nesta liña, a representante da Xunta censurou que o secretario de Estado de Medio Ambiente se comprometera a incrementar substancialmente en 2024 o orzamento destinado a compensar e previr os danos do lobo e que esa promesa tamén quedase en nada ante a prórroga dos orzamentos de 2023, que impide ampliar os fondos asignados a esta cuestión.

Ante esta situación, Belén do Campo pediu ao Goberno central que axilice as xestións ao máximo para que o reparto poida aprobarse na vindeira conferencia sectorial. Non facelo, incidiu, suporía chegar a mediados de ano sen esa distribución executada, o que complicaría a xestión dos fondos por parte das autonomías, que son as que están soportando agora mesmo os custos derivados das medidas de compensación e prevención dos danos do lobo.

A directora xeral de Patrimonio Natural denunciou que este retraso supón un novo prexuízo para as comunidades autónomas e para os gandeiros, que xa viron como os fondos de 2023 quedaban sen repartir -o Goberno central recoñeceu que non prevé que se vaia facer xa-, ao tempo que lembrou que Galicia tampouco recibiu fondos en 2022.

Deste xeito, a comunidade galega acumula dous anos de retraso na transferencia de fondos por parte do Estado para facer fronte aos danos do lobo. Ademais dos recursos de 2023 que xa non se van repartir, a Xunta está á espera de que se resolva o recurso contencioso-administrativo contra a decisión do Goberno central de bloquear os fondos que lle correspondían en 2022, unha decisión unilateral e totalmente arbitraria.

Estratexia do corvo mariño acristado

Belén do Campo aproveitou o encontro para agradecer ao Goberno central que atendese a petición de Galicia e paralizase temporalmente a tramitación da futura Estratexia de conservación do corvo mariño acristado co fin de enriquecela e adaptala ás principais conclusións dos traballos que se están a desenvolver na actualidade para a conservación da especie en Galicia, Asturias e Cantabria no marco do proxecto europeo Life Intemares.

A directora xeral de Patrimonio Natural explicou que esa investigación que está en marcha sobre o corvo mariño permitirá coñecer as principais ameazas (como as interaccións coas artes de pesca) e retos de futuro que afronta a especie, así como propoñer posibles solucións e medidas que favorezan a súa conservación.

Galicia alberga o 86% de todas as parellas de corvo mariño identificadas no Cantábrico —1.412 dun total de 1.637— e, de feito, é tamén a comunidade española que conta co censo máis actualizado da especie.

R., 2024-04-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES