Noticias

Galicia recibe o ofrecemento de formar parte dunha rede de rexións de referencia en intelixencia artificial na UE

Galicia vén de recibir o ofrecemento para formar parte dunha rede europea de rexións destacadas pola implantación temperá da intelixencia artificial. A nosa comunidade presentou na capital comunitaria os avances da lei galega de intelixencia artificial, así como as principais actuacións que se están levando a cabo para a promoción desta tecnoloxía. No marco do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030 que promove a especialización da nosa comunidade en tecnoloxías de alto impacto, a delegación galega reafirmou ante os representantes europeos a súa vocación de consolidarse como unha rexión de referencia en intelixencia artificial.

Galicia recibiu o ofrecemento para formar parte dunha rede europea de rexións destacadas pola implantación temperá da intelixencia artificial, segundo destacou o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, tras reunirse nos dous últimos días con diversos representantes da UE.

Julián Cerviño presentou na capital comunitaria os avances da lei galega de intelixencia artificial, así como as principais actuacións de Galicia para a promoción desta tecnoloxía. Reuniuse con representantes do Parlamento, do Comité das Rexións, da Comisión e da Representación Permanente de España ante a UE. Estivo acompañado pola directora da Oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos.

No marco do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030 que promove a especialización da nosa comunidade en tecnoloxías de alto impacto, a delegación galega reafirmou ante os representantes europeos a súa vocación de consolidarse como unha rexión de referencia en intelixencia artificial. Esta aspiración arguméntase en actuacións como a preparación da primeira lei rexional europea para o desenvolvemento e promoción da IA, a atracción cara a Galicia da Axencia Estatal de Supervisión de IA, a aprobación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial ou a creación dunha Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial na nosa comunidade.

Despois dun encontro co conselleiro de Axenda Dixital da Representación Permanente de España ante a UE, Miguel Valle, a representación galega reuniuse o martes co director de Desenvolvemento Lexislativo do Comité das Rexións, Thomas Wobben.

Foi nesta xuntanza na que Galicia recibiu a proposta de formar parte dunha rede pioneira de rexións europeas que apostan pola especialización en intelixencia artificial, así como de participar en actuacións para compartir casos de éxito e presentacións de relatorios sobre esta materia. Wobben foi informado sobre os avances na tramitación da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial de Galicia, que será presentada para a súa aprobación no Parlamento autonómico antes do verán.

Julián Cerviño reuniuse esta mañá co eurodeputado Axel Voss, responsable do informe da comisión especial sobre Intelixencia Artificial na Era Dixital do Parlamento Europeo, que estableceu o calendario para a tramitación do regulamento europeo de IA (IA Act). No encontro tamén participaron os deputados Francisco Millán e Pilar del Castillo. Axel Voss informou á delegación galega sobre as implicacións rexionais e o alcance da IA Act, recentemente aprobada.

As sesións de traballo en Bruxelas remataron esta tarde cun encontro co responsable de políticas de Desenvolvemento da Intelixencia Artificial e Coordinación da Dirección Xeral de Sociedade da Información e Medios de Comunicación da Comisión Europea, Martin Ulbrich.

R., 2024-04-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES