Noticias

A Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas define o seu plan de actuación para os próximos meses

O pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha rede de colaboración entre a Administración, os centros tecnolóxicos e de investigación, as universidades e o sector empresarial para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia en tecnoloxías cuánticas, reuniuse en Santiago para definir o seu plan de actuación para os próximos meses. A Rede integra á Xunta de Galicia; ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG); ao Cesga; ao Clúster TIC, aos Hubs de Innovación Dixital DIHGIGAL e DATAlife; ao centro tecnolóxico Gradiant; ao Fujitsu International Quantum Center e ao Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos).

Entre as actividades priorizadas para o período 2024-2025 atópase a creación de varios comités executivos, que teñen encomendada a consecución de obxectivos concretos e accións estratéxicas que posicionen a Galicia no medio e longo prazo, cun enfoque de xeración de impacto nas empresas; a elaboración dun mapa de capacidades e da cadea de valor das tecnoloxías cuánticas na Comunidade e a celebración de varios encontros.

En maio prevese a organización dun evento que facilite a interacción, colaboración e o intercambio de coñecementos entre tecnólogos e investigadores de Galicia no ámbito das tecnoloxías cuánticas para impulsar o establecemento de relacións sólidas e colaborativas entre os axentes identificados e promover proxectos colaborativos que redunden no avance e a innovación no campo das tecnoloxías cuánticas. En setembro terá lugar tamén unha xornada orientada especificamente aos líderes tecnolóxicos do tecido empresarial galego, para axudarlles a introducirse nos posibles usos destas tecnoloxías.

Así mesmo, deuse conta de distintas actividades que se van desenvolver no marco desta Rede, como a celebración dun evento anual de referencia en tecnoloxías cuánticas en Galicia, organizado por Fujistsu e a Xunta de Galicia o 9 e o 10 de outubro; ou accións de divulgación entre o público xeral, entre as que destacan a celebración do World Quantum Day o vindeiro 14 de abril organizado polo Cesga e o IGFAE (USC); ou un ciclo de cine, que se inicia coa proxección de “O ollo e a máquina”, organizado polo Cesga no CGAC durante este mes de abril (5, 11, 12, 18 e 19 de abril 2024).

Por último, tratouse o posible deseño dunha convocatoria de proba de concepto en tecnoloxías cuánticas, a celebración dun hackaton ou a posible creación dun Observatorio de Tecnoloxías Cuánticas no 2025 para seguir de preto o desenvolvemento e a evolución destas tecnoloxías.

A Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas integra á Xunta, a través das consellerías de Economía, Industria e Innovación, Sanidade e Facenda e Administración Pública; ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG); ao Cesga; ao Clúster TIC, aos Hubs de Innovación Dixital DIHGIGAL e DATAlife; ao centro tecnolóxico Gradiant; ao Fujitsu International Quantum Center e ao Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos).

R., 2024-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES