Noticias

A economía galega experimenta unha desaceleración

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este luns en Santiago de Compostela o seu Informe de conxuntura socioeconómica 1/2024. O documento foi elaborado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago, ambos da Universidade de Vigo; e José Francisco Armesto e Fernando González Laxe, coordinador este último do traballo. Nel destacan que 'en liña co conxunto dos países da nosa contorna, a ralentización do ritmo de crecemento caracteriza a evolución da economía galega. Porén, acredita taxas de variación interanuais superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal'.

En concreto, detallan os autores do documento, a medra interanual sitúase no 1,8%, sete décimas inferior á media española, e catro décimas con respecto á UE.

Sectores e mercado de traballo

O crecemento do PIB real en Galicia, apuntan os economistas, caracterízase por unha achega positiva da demanda externa (dun punto fronte ás oito décimas da demanda interna). Dende o punto de vista da oferta, Galicia presenta segundo o informe "unha importante desaceleración do sector terciario, se ben mantense como o sector coa taxa de crecemento interanual máis elevada: 2,3%". Igualmente salientan o crecemento da industria manufactureira e da construción, cunha medra do 1,7% e 0,8%, respectivamente, e o feito de que o sector primario presenta "unha contracción aínda que desta volta menos acusada" que na media española (-0,9% e -2%, respectivamente). “Un dos principais problemas da economía galega segue a ser a produtividade relativa do tecido produtivo galego en relación á media de España. A fenda máis ampla prodúcese na industria manufactureira”, afirman os economistas. Por contra, detallan, o sector da construción presenta unha produtividade superior á media estatal.

O mercado de traballo galego presenta un balance positivo, segundo recolle o informe. Melloran as taxas de actividade e de emprego, reducíndose tanto a taxa de desemprego como a taxa da temporalidade, "o cal adoita ser un indicador da mellora da calidade de emprego". Con todo, desde o Foro Económico de Galicia sinalan que "estes datos teñen que ser matizados novamente tendo en conta que Galicia mantense entre as comunidades autónomas con menores taxas de actividade e ocupación". A poboación ocupada medra un 2,3% (grazas á poboación estranxeira), seis décimas por riba do estimado en 2022, e os postos de traballo equivalente un 2%. Doutra banda, as afiliacións medran un 1,8% e as horas traballadas un 1,6% fronte ao 2,1% e 1,7% rexistrados no ano precedente. No perfil do emprego novo, no informe destacan as mulleres e os estranxeiros non comunitarios. "A meirande parte do emprego creado é emprego asalariado, diminuíndo, pola contra, o número de persoas empresarias empregadoras", afirman. Por último, todo o emprego creado é segundo o informe presentado indefinido, "salientando ao mesmo tempo o maior dinamismo do emprego a tempo parcial que a tempo completo". No que ao desemprego se refire, as taxas recollidas reflicten que afecta en maior medida ás mulleres, persoas menores de 25 anos, estranxeiros e cidadáns con estudos primarios.

R., 2024-04-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES