Noticias

Continúa a tendencia descendente da tuberculose en Galicia

A Consellería de Sanidade conmemora este 24 de marzo o Día Mundial da Tuberculose, cuxo lema é “Sí, podemos poñer fin á tuberculose”, reiterando o seu compromiso de continuar cos esforzos e actuar en consonancia coa estratexia “Fin á tuberculose”, da Organización Mundial da Saúde, que ten por obxectivo reducir a incidencia da tuberculose un 80% no ano 2030 con respecto ao 2015 para, posteriormente, eliminar esta enfermidade no 2050. O desenvolvemento do Programa galego de prevención e control da tuberculose da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, permite realizar o diagnóstico o máis rápido posible e poñer a todos os enfermos baixo tratamento para reducir este risco. Ao mesmo tempo, realízase o estudo a todas as persoas que estiveron en contacto cun caso de tuberculose contaxiosa e ofrécese tratamento a aqueles que están infectados.

A positiva evolución do Programa galego nestes 27 anos, dende que foi implantado, reflíctese na tendencia descendente da incidencia dos casos de tuberculose na poboación infantil e adulta na nosa comunidade autónoma, e nun novo perfil de paciente coa presentación dos casos en idades máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo aquelas que afectan ao sistema inmunitario, como se describe con detalle no informe que anualmente publica a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade: “Informe da tuberculose en Galicia. Características dos casos de tuberculose de Galicia no ano 2022. Evolución do período 1996-2022”.

Os datos que se expoñen corresponden ao 2022, último ano avaliado da situación epidemiolóxica da tuberculose na nosa comunidade. O motivo de que non se presenten as principais características desta enfermidade no ano 2023 obedece a varios factores, entre os que están: a busca activa por parte das Unidade de prevención e control da tuberculose de posibles casos non declarados; a confirmación dos cultivos do Mycobacterium tuberculosis como negativos precisa dunha incubación de ata 2 meses; a avaliación e presentación dos resultados dos tratamentos da enfermidade tuberculosa, que son de longa duración (mínimo 6 meses, pero poden chegar aos 2 anos como nos casos de tuberculose multirresistente), é que a información de todo o rexistro é revisada exhaustivamente, o que fai que teña unha gran calidade e sexa modelo de vixilancia epidemiolóxica para outras rexións.

Tendencia decrecente

Con respecto do ano 1996, o número total de casos de tuberculose en Galicia descendeu no 2022 un 84,3% (pasouse de 1.963 a 308 casos) cunha diminución por termo medio anual da incidencia do 6,8% (como adianto, dicir que os datos provisionais do ano 2023 reflicten a continuidade desta tendencia decrecente).

A maior parte dos casos diagnosticáronse en pacientes autóctonos, con presentacións en idades cada vez máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo aquelas que afectan ao sistema inmune. Os pacientes nacidos fóra de España van progresivamente en aumento e de forma constante, debendo sinalar a maiores o número de casos importados que, no 2022, foi o máis alto da nosa serie.

A baixa porcentaxe de tuberculose multirresistente e o alto índice de resultados satisfactorios dos tratamentos instaurados, tanto na tuberculose sensible como na tuberculose resistente, ao que contribúe que máis do 65,0% dos casos tiveron un tratamento en réxime supervisado, indícanos un bo control da tuberculose en Galicia.

Dende o 2020 Galicia implantou o réxime terapéutico curto, que inclúe a bedaquilina e, neste último ano, tamén o pretomanid, co fin de mellorar a eficacia do tratamento das tuberculose multirresistentes. A maiores, dáse a circunstancia da pouca relevancia que a infección polo VIH tivo no conxunto da enfermidade.

Un dos principais obxectivos do Programa de tuberculose de Galicia é o de continuar coa tendencia decrecente da incidencia da enfermidade, obxectivo que se cumpriu amplamente. Así mesmo, alcanzáronse uns resultados moi satisfactorios dos tratamentos da tuberculose instaurados neste ano, moi superiores aos obxectivos marcados pola Organización Mundial da Saúde.

Para os próximos anos, a Consellería de Sanidade ten por obxectivo acadar unha incidencia menor de 10 casos por 100.000 habitantes, no marco do Plan nacional da tuberculose e da estratexia fin da tuberculose da OMS. Un obxectivo máis ambicioso sería o da EU, de alcanzar unha incidencia de 2,4 casos por 100.000 habitantes no ano 2030.

Liña clave de saúde pública

Cómpre remarcar que, dispoñer en Galicia dun Programa de tuberculose ben estruturado, cun sistema epidemiolóxico de vixilancia específico e o traballo, esforzo e coordinación dos profesionais da sanidade galega, en especial dos equipos das sete unidades de tuberculose, dos microbiólogos e do laboratorio de referencia de micobacterias de Galicia, permítenos continuar coa vixilancia da infección/enfermidade tuberculosa.

Aínda que os indicadores do funcionamento do Programa galego sexan favorables, a Consellería de Sanidade recorda que non se pode baixar a garda, polo que se debe manter a tuberculose como liña clave en saúde pública e potenciar as unidades de prevención e control desta enfermidade, reforzándoas no seu papel de referencia para o diagnóstico, seguimento e tratamento de todos os casos de enfermidade e infección tuberculosa, especialmente nos colectivos de especial vulnerabilidade de infectarse e/ou enfermar, para así cortar a cadea epidemiolóxica de transmisión.

Outros datos destacados da tuberculose no ano 2022

Cómpre remarcar, así mesmo, que o 58,1% dos casos presentáronse en homes. Por grupo de idade, a incidencia máis alta foi nos maiores de 74 anos. O 2,9% foron nenos (menores de 15 anos de idade). En conxunto, no 76,3% dos casos (homes 81,6% vs. mulleres 69,0%) presentáronse un ou máis factores de risco asociados. O principal foi o tabaquismo (27,9%). A asociación tuberculose/inmigración foi do 14,3% e a coinfección tuberculose/VIH do 2,3%. Documentouse o resultado da proba do VIH no 82,1% dos casos de tuberculose, resultando positivos 7 (2,3%) casos.

A localización máis frecuente foi a pulmonar (62,0%) e deles o 39,3% foron casos bacilíferos (moi contaxiosos).

Ademais, temos un nivel de resistencias baixo, o 16,3% do total de casos de 2022. Así mesmo, remarcar que non houbo casos de tuberculose multirresistente, forma máis grave de tuberculose.

No ano 2022, o 68,1% dos casos foron supervisados polos equipos das unidades de tuberculose, coa finalidade de constatar o correcto cumprimento dos tratamentos.

No marco do programa, no 2022, estudáronse 990 contactos de enfermos de tuberculose pulmonar, dos que 18 (1,8%) estaban enfermos e 241 (24,3%) infectados no momento do estudo.

Presentáronse 10 abrochos de tuberculose en Galicia e deles o 60,0% foron detectados no ámbito familiar.

Dos tratamentos de infección tuberculosa iniciados no ano 2021, finalizárono correctamente o 92,4%, ascendendo ao 97,9% en nenos.

R., 2024-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES