Noticias

Abre ao público o primeiro museo de arqueoloxía de Ons para dar a coñecer os restos patrimoniais atopados na illa nos últimos anos

A Xunta de Galicia abriu hoxe ao público a nova sala de arqueoloxía do Centro de Interpretación de Ons, o primeiro museo dedicado a poñer en valor e divulgar os principais restos patrimoniais, arqueolóxicos e etnográficos atopados na illa no marco das escavación realizadas nos últimos anos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, inaugurou a exposición esta mañá acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e do director conservador do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández.

Durante a visita, a responsable autonómica salientou que grazas aos traballos arqueolóxicos impulsados polo seu departamento nos últimos anos e executados polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, encabezado polo arqueólogo Adolfo Fernández, hoxe é posible “reconstruír” parte da historia do arquipélago e do modo de vida e costumes dos seus primeiros habitantes.

A través dos achados que se expoñen agora nesta exposición “gratuíta e permanente”, Ángeles Vázquez sinalou que hoxe sabemos que os antigos poboadores de Ons mantiveron relacións económico-comerciais con territorios máis afastados, que comían en vaixela fina elaborada no norte de África ou que a illa foi un importante complexo industrial romano de salgaduras de peixe e de elaboración de tintura púrpura.

De feito, lembrou que unha das primeiras accións realizouse na praia de Canexol, onde o equipo de arqueólogos ao cargo da escavación identificou un vertedoiro con cunchas de múrices, un molusco que se usaba antigamente para producir tintura de cor púrpura.

Trátase dun descubrimento de gran importancia xa que o de Ons é o primeiro taller deste produto documentado en toda a Península Ibérica, motivo polo que se decidiu denominar vía dos Múrices á ruta que percorre os principais puntos de interese arqueolóxico e arquitectónico existentes ao longo da illa.

Esta senda, que precisamente acaba de ser acondicionada pola Xunta coa colocación de novos paneis informativos e información en liña dispoñible a través de códigos QR, propón un percorrido de 5,5 quilómetros que permite coñecer o sartego da Laxe do Crego, unha sepultura escavada na rocha da época alto-medieval, a fábrica de salga romana de Canexol que producía salsas e peixe en salga, o castro do Castelo dos Mouros no que vivían na época romana as persoas que traballaban na fábrica ou as dúas baterías defensivas que protexían a entrada á ría de Pontevedra na Guerra da Independencia.

Neste sentido, a vicepresidenta segunda en funcións explicou que as persoas que visiten Ons estes días xa van poder atopar e coñecer os últimos avances sobre a investigación ao redor da antiga ocupación desta illa, tanto a través da ruta peonil dos Múrices como da visita á nova sala de arqueoloxía localizada no centro de interpretación.

En todo caso, considerou que aínda queda traballo por facer e cousas que descubrir sobre a historia de Ons, polo que anunciou que a partir do día 22 de abril se programarán novas escavacións do equipo de arqueólogos dirixido por Adolfo Fernández.

As actuacións executadas no centro de interpretación, tal e como explicou, supuxeron un investimento por parte da Xunta de preto 100.000 euros, e ademais de habilitar a nova sala de arqueoloxía onde todas as persoas que decidan achegarse ata a Illa poderán visitar, de forma gratuíta, a exposición permanente inaugurada esta mañá, tamén permitiron acometer unha serie de melloras e adaptacións no edificio.

En concreto, Ángeles Vázquez explicou que se repararon as ramplas e se habilitou unha nova porta de acceso desde o patio co fin de facer máis accesible o Centro de Interpretación de Ons, executáronse medidas para optimizar o aforro enerxético das instalacións, acometéronse arranxos nas fiestras e cristaleiras e mellorouse a sala de audiovisuais, ademais doutras obras no edificio.

Reservas para a Semana Santa

A nova sala de arqueoloxía de Ons está chamada a ser un reclamo máis para os visitantes que cada ano escollen esta illa para pasar as súas vacacións e tempo de lecer.

Neste sentido, Vázquez Mejuto indicou que para esta Semana Santa —un dos períodos de tempada alta previstos no Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional— a Xunta xa emitiu máis de 5.400 autorizacións para poder visitar Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada, unha cifra que, segundo precisou, se incrementará previsiblemente nos vindeiros días.

Ao respecto, animou a todas as persoas que se acheguen ata o vindeiro luns a coñecer a illa de Ons a visitar o museo de arqueoloxía inaugurado hoxe e a percorrer a renovada vía dos Múrices, aproveitando algunha das visitas guiadas que a Xunta ofrecerá gratuitamente ao longo da Semana Santa. De feito, hoxe mesmo estaban programados os dous primeiros percorridos por esta ruta que, a modo de experiencia piloto, realizarán guías especializados para dar a coñecer os segredos arqueolóxicos de Ons.

R., 2024-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES