Noticias

A Mostra Primavera enDanza de Carballo ofrece seis espectáculos do 12 ao 30 de abril

A Mostra Primavera enDanza de Carballo celebrará a súa 22ª edición do 12 ao 30 de abril cunha carteleira que inclúe seis citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta de Galicia promove en colaboración coas entidades xestoras dos seus 41 espazos asociados. A carteleira preparada para o ciclo comeza con Vaivén, peza unipersoal de Marcia Vázquez, programada para o día 12 de abril; e Multiperspectivas #2, de Paula Quintas Cía., o día 13.

Posteriormente, Berro, montaxe de celebración do vixésimo aniversario de Nova Galega de Danza, o día 20; El cuento de Persépolis, da agrupación valenciana La Coja Dansa, o 21; Disculpa si te presento como que no te conozco, da compañía de danza e circo Miguel Barrero y La Pequeña Victoria Cen, con sede en León, o 26; e Los perros, dos navarros Led Silhouette, o 30 de abril.

O programa completo da Mostra Primavera en Danza, que inclúe tamén diferentes actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea como estratexia de afianzamento de públicos, foi detallado hoxe na presentación na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto aos responsables municipais e representantes dalgunhas das compañías en cartel.

Producións galegas

Na súa intervención, Jacobo Sutil situou esta iniciativa entre os programas pioneiros en Galicia á hora de fidelizar un público para a danza, ademais de destacar o seu valor de promoción para os artistas e compañías que se dedican a esta disciplina na nosa Comunidade. Neste sentido, subliñou a calidade dos tres espectáculos de produción galega contratados para a mostra a través da oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios: Vaivén, Multiperspectivas #2 e Berro.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, referiuse especificamente a esta última montaxe, presentada por Nova Galega de Danza, para incidir no elevado nivel e na diversidade do traballo que se está a facer dentro deste ámbito escénico: “Trátase dunha aposta de grande formato, nacida en Galicia, pero coa participación internacional do prestixioso coreógrafo Sharon Fridman, asinando a dirección artística e con música do carballés Sergio Moure de Oteyza”, afirmou. Tamén lembrou que Nova Galega de Danza é a adxudicataria da maior coprodución que se acometerá este ano a través do Centro Coreográfico Galego para o espectáculo Dique, que se estreará o vindeiro 21 de xuño no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Así mesmo, destacou o traballo realizado na creación de novos públicos, que no caso da programación do ciclo carballés se traduce na función do domingo 21 de abril coa proposta El cuento de Persépolis, de La Coja Dansa, incluído coa intención de achegarlle esta disciplina á cativada e incorporala dentro das súas dinámicas culturais.

R., 2024-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES