Noticias

O festival 'Alguén que respira!' arranca a súa sétima edición arredor do Día Mundial da Poesía

Durante tres días, recitais, concertos e faladoiros ocuparán o Teatro Principal e a Igrexa da Universidade reunindo representantes da cultura galega como María do Cebreiro, Abe Rábade, Guadi Galego, Su Garrido ou Alfonso Armada, este último responsable da lectura do manifesto, así como tamén artistas e activistas doutros países e culturas que converterán Compostela en centro galego da poesía. Ademais, o festival repite seccións xa consolidadas no seu programa como As mañás do ambigú, que se desenvolverán cada mediodía no Teatro Principal.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da sétima edición do festival de poesía Alguén que respira!, impulsado polo Concello de Santiago co apoio da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A iniciativa, que se celebra cada ano arredor do Día Mundial da Poesía e está dirixida por Antón Lopo, desenvolverase en Compostela do 21 ao 23 de marzo e reunirá poetas, xornalistas, activistas e artistas para crear un marco de reflexión sobre a realidade e a sociedade actual, centrándose na poesía en territorio de conflito, que será o eixo temático da edición.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sinalou que por “ser a poesía o territorio por excelencia do sentimento, ás veces pénsase que se centra no íntimo e individual e que non ten ou debe ter unha proxección cara á sociedade e os conflitos que nos rodean, pero realmente a poesía o que expresa é un xeito persoal de mirar, de mirarnos a nós mesmos pero tamén o mundo, cunha ollada que pode ser crítica, doída, furiosa ou esperanzada cando o que contemplamos é o sufrimento doutros seres humanos”. “Polo tanto, o do conflito”, concluíu o secretario xeral, “é tamén o territorio da poesía”.

Tres días de programación

Durante tres días, recitais, concertos e faladoiros ocuparán o Teatro Principal e a Igrexa da Universidade reunindo representantes da cultura galega como María do Cebreiro, Abe Rábade, Guadi Galego, Su Garrido ou Alfonso Armada, este último responsable da lectura do manifesto, así como tamén artistas e activistas doutros países e culturas que converterán Compostela en centro galego da poesía.

Ademais, o festival repite seccións xa consolidadas no seu programa como As mañás do ambigú, que se desenvolverán cada mediodía no Teatro Principal a modo de foros de reflexión e nos que participarán Alfonso Armada e Carmen Villar, Cristina Sánchez e Iván Prado, e Caetano Díaz e Daniel González Palau, os días 21, 22 e 23, respectivamente.

Por segundo ano consecutivo, Alguén que respira! inclúe tamén os premios para o estudantado de Galicia que, baixo o lema A guerra fronte á construción da paz, recibiu máis dun cento de propostas entre as catro categorías convocadas. As persoas gañadoras, que recollerán os premios no recital de clausura do festival, foron Aroa Misa, de primaria; Claudia Romero, de secundaria, e Serxio Abalo, da categoría universitaria. A categoría de bacharelato e ciclos formativos quedou deserta por decisión do xurado.

Todas as persoas interesadas en asistir ao festival poderán recoller as entradas, que serán de balde, na web Compostela Cultura ou no despacho de billetes da Zona C. Tamén poderán retirarse do despacho de billetes do Teatro Principal unha hora antes de comezar cada actuación. O programa completo pode consultarse na páxina oficial de Alguén que respira!.

R., 2024-03-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES