Noticias

Comeza en Santiago o Seminario Internacional Investigación e Crítica na Literatura Infantil e Xuvenil

Coincidindo co 20 aniversario da creación da Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), celébrase o Seminario Internacional Investigación e Crítica na Literatura Infantil e Xuvenil (2004-2024), que se desenvolve no compostelán Pazo de San Roque coa colaboración do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e do grupo de investigación universitario LITER21. A Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano é un grupo multidisciplinar e multicultural composto por profesorado de distintos ámbitos lingüísticos ibéricos e iberoamericanos que achegan claves estéticas para xulgar o feito literario.

No acto de inauguración destas xornadas participou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou o papel da dita rede “para difundir ao longo destes 20 anos o extraordinario valor da LIX en lingua galega e poñela no lugar que lle corresponde”.

O Seminario está aberto ao público xeral e reúne entre hoxe e mañá numerosos representantes do ámbito galego, castelán, catalán, vasco e portugués, así como outros chegados do Brasil, Chile e México para intercambiar experiencias e presentar os proxectos de investigación que manteñen en activo ao redor da literatura infantil e xuvenil. A programación completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega.

20 anos promovendo a literatura infantil

A Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano é un grupo multidisciplinar e multicultural composto por profesorado de distintos ámbitos lingüísticos ibéricos e iberoamericanos que achegan claves estéticas para xulgar o feito literario.

Cada ano, coa pretensión de ofrecerlles ferramentas útiles a aquelas persoas mediadoras entre o libro e a lectura, a rede presenta un novo monográfico que recompila e analiza as lecturas recomendadas para a mocidade arredor dun tema concreto. Nestes 20 anos os volumes xa trataron aspectos como a vellez, o cómic, as mulleres como axentes literarios, as guerras, o multiculturalismo, a inmigración ou o teatro.

Somos hip-hop

Tamén orientado a un público lector xuvenil, o secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe o volume Somos hip-hop. Fundamentos do breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox, da autoría de Pablo Castiñeira e David Brey.

A través deste libro, producido pola entidade Vella Escola, os lectores e lectoras adentraranse no universo do hip-hop, nado na década dos 70 en Nova York, para descubrir os fundamentos, trucos e segredos de cada unha das disciplinas deste movemento sociocultural.

A proposta, a primeira que afonda neste campo en lingua galega, contén unha ampla colección de imaxes orixinais, ademais dun código QR que permite acceder a contidos exclusivos e realidade aumentada.

R., 2024-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES