Noticias

Galicia e Portugal colaboran na optimización da selección e tratamento de residuos mediante o uso da intelixencia artificial

Galicia e Portugal colaborarán ata 2026 na mellora da selección e tratamento de residuos de envases mediante o uso da intelixencia artificial a través do proxecto europeo Gresint. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 800.000 euros, contribuirá a modernizar as infraestruturas existentes de xestión de residuos e optimizar os seus resultados. Os traballos incluirán a instalación de novos sensores en cintas e motores das plantas de tratamento de Cerceda e Porto, co obxectivo de separar mellor os residuos; o uso de dispositivos para detectar de xeito áxil os materiais que non poden recuperarse; e o emprego de intelixencia artificial e de robots para axilizar todo o procedemento.

Así o destacou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a clausura da xornada Unha transformación dixital intelixente no proceso de recollida e clasificación de residuos, que supuxo o lanzamento oficial dun proxecto que lidera a empresa pública Sogama e no que participan outras entidades de Galicia e Portugal.

A responsable autonómica incidiu en que o labor investigador que se vai desenvolver ao abeiro desta acción permitirá aplicar as últimas tecnoloxías en materia de xestión de residuos nas plantas de tratamento existentes, tanto en Galicia como en Portugal, e contribuirá a mellorar a clasificación de envases para despois poder reciclalos.

De feito, os traballos incluirán a instalación de novos sensores en cintas e motores das plantas de tratamento de Cerceda e Porto, co obxectivo de separar mellor os residuos; o uso de dispositivos para detectar de xeito áxil os materiais que non poden recuperarse; e o emprego de intelixencia artificial e de robots para axilizar todo o procedemento.

Ángeles Vázquez salientou que o proxecto tamén prevé tres probas piloto nesas dúas plantas e a información obtida almacenarase nunha base de datos para un acceso fácil e seguro por parte dos integrantes da plataforma de intelixencia artificial conxunta creada no marco desta iniciativa, o que contribuirá a mellorar os resultados.

Concienciación social

A vicepresidenta segunda en funcións incidiu en que todas estas actuacións irán acompañadas dunha importante aposta pola formación e comunicación para avanzar na sensibilización da cidadanía. Nesta liña, subliñou a importancia de facer énfase na relevancia dunha correcta clasificación dos residuos en orixe para a súa recuperación.

De feito, o proxecto Gresint xerará resultados como a incorporación da I+D á xestión de residuos, a mellora na recollida e clasificación, o incremento da reciclaxe, o reforzo da concienciación social, o estreitamento das relacións entre Galicia e Portugal e a potenciación dunha industria verde e sostible de xestión de residuos.

A responsable autonómica explicou ademais que esta iniciativa está enmarcada no Plan Estratéxico de Sogama 2024-2030 para enriquecer un complexo medioambiental -o de Cerceda- que é o máis eficiente de España e de Europa e un dos máis innovadores do mundo. Deste xeito, engadiu, Galicia reforza a colaboración con Portugal apostando por unha xestión moderna e eficiente dos residuos e sumando esforzos cara a consecución dunha economía circular

A iniciativa

O proxecto Gresint, financiado con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), foi elixido no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027) e os seus traballos estenderanse ata xuño de 2026.

Nesta acción investigadora, liderada por Sogama, participan tamén, no caso de Galicia, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, e no de Portugal, tanto a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior.

R., 2024-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES