Noticias

O Centro Dramático Galego estrea en Galicia 'Manuela Rey Is In Da House' con tres funcións no Teatro Principal de Santiago

O Centro Dramático Galego estrea en Galicia esta fin de semana o espectáculo Manuela Rey Is In Da House cunha serie de funcións para público xeral que terán lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela do xoves 14 ao sábado 16 de marzo para continuar a reivindicar e dar a coñecer entre o público galego a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX. A peza, creada conxuntamente entre o Centro Dramático Galego, o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, naceu como nunha nova colaboración que afonda na proxección exterior desta unidade teatral.

Así o explicaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e mais o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, que participaron hoxe na rolda de prensa deste proxecto xunto á concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, a actriz do elenco Raquel Crespo e a vicedirectora do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), entidade que acometeu os traballos de investigación arqueolóxica.

Baixo a dirección escénica de Fran Núñez, quen asina tamén a dramaturxia, a conexión galego-portuguesa reflíctese tanto na composición dos equipos artístico e técnico como na propia temática da peza, inspirada na historia de Manuela Rey, nacida en Mondoñedo en 1842 e falecida en Lisboa en 1866, aos 23 anos de idade.

Linguas e talentos compartidos

Ao igual que a vida de Manuela Rey, esta produción emprega en escena as linguas e os talentos artísticos e técnicos tanto de Galicia como de Portugal. Pola banda galega, Mariana Carballal, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco do espectáculo xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Acompáñaos en escena a arqueóloga Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación. O equipo complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, e a colaboración especial de Paula Mora, actriz residente no Teatro Nacional D. María II.

Despois da súa estrea en novembro pasado no Teatro Municipal Sá de Miranda de Viana do Castelo, e de facer unha segunda visita á vila portuguesa a semana pasada, onde se volveu representar entre o 7 e o 9 de marzo, a peza chega agora a Galicia en colaboración co Concello de Santiago de Compostela e como parte das actividades do 40º aniversario do Centro Dramático Galego. Ás tres funcións no Teatro Principal o xoves 14, venres 15 (con coloquio #posfunción ao remate) e sábado 16 de marzo ás 20,30 h súmase un pase previo o mércores 13, dirixido ao alumnado da USC no marco do seu programa Faíscas Culturais, que abrangue durante todo o mes varios coloquios e instalacións artísticas arredor da figura da artista.

Despois desta estadía, o espectáculo viaxará de novo a Portugal como parte das carteleiras de citas tan relevantes como Festival de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI) de Porto os días 16 e 17 de maio e do Festival de Almada o 14 de xullo.

Reconstruír a memoria da ‘muller lirio’

A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e do propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada a muller lirio.

Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde triunfou no Teatro Nacional D. María II. Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras como a comedia A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe. En canto á súa vida persoal, na capital lusa circulaba o insistente rumor de que o rei Pedro V quedara prendido da galega e, posteriormente, o dramaturgo J. A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra chegaron a se bater en duelo por ela.

As entradas para ver en Santiago de Compostela Manuela Rey Is In Da House poden adquirirse a través da plataforma www.compostelacultura.gal, na Zona C da praza de Cervantes e no despacho de billetes do Teatro Principal os días de función desde as 19,30 horas.

R., 2024-03-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES