Noticias

Galicia presenta na Conferencia Sectorial de Xustiza os obxectivos de dixitalización cumpridos neste eido

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe en Palencia na Conferencia Sectorial de Xustiza, onde se abordaron entre outros temas os avances na dixitalización da Administración Xeral de Xustiza. Neste marco de acción, Diego Calvo presentou o balance de Galicia cos obxectivos marcados para 2023 xa cumpridos ao cen por cento. Nesta liña insírese a dixitalización das máis de 200 salas de vistas da comunidade. Segundo sinalou o vicepresidente primeiro en funcións, todas elas contan co equipamento necesario para a celebración de procedementos de forma electrónica e os elementos instalados responden ás funcionalidades requiridas.

O obxectivo é dispoñer de salas de audiencia totalmente virtuais, nas que se poidan levar a cabo accións telemáticas con plena seguridade xurídica e mellorar o acceso a distancia da cidadanía aos servizos prestados pola Administración.

Outro dos fitos cumpridos é o da adxudicación do apoio aos proxectos tractores de dixitalización da Administración Xeral de Xustiza, que contou en Galicia cun orzamento de case 15 millóns de euros. No marco deste obxectivo dotouse o persoal de postos móbiles e deslocalizados, e estanse a dotar as instalacións de medios para a celebración dos actos procesuais, como conexión WIFI, melloras do sistema de videoconferencia, ou servidores hipercorvenxentes. Tamén se reforzou a ciberseguridade con diversas medidas, como a implantación de novas ferramentas e accións de formación.

Canto aos sistemas de información e canles dixitais, trabállase para avanzar na dixitalización e interoperabilidade das Oficinas de Atención ás Vítimas de Delito (OAVD) e do Instituto de Medicina Forense de Galicia (Imelga), así como no expediente xudicial electrónico e na dixitalización de libros do Rexistro Civil, entre outros proxectos, coa previsión de que estean rematados .

Os avances na dixitalización da Administración de Xustiza en Galicia enmárcanse no III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, que busca a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades. O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos, o que supón un incremento do 68% respecto do investimento dos dous plans anteriores, Senda 2014 e Senda 2020, que mobilizaron 50 millóns de euros en dez anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega.

Resposta ás demandas da quenda de oficio

Diego Calvo aproveitou tamén a súa quenda de intervención para lamentar que o Ministerio non incluíse na orde do día as demandas de avogados e procuradores de oficio, en folga desde finais do pasado ano, e cuxa resposta non pode deixarse unicamente en mans das comunidades autónomas. “É preciso resolver a demanda dun novo estatuto e abordar un plan de choque para facerlles fronte ás consecuencias derivadas dos paros que se foron sucedendo nos últimos meses entre diferentes colectivos do eido xudicial”, apuntou.

Neste eido, Calvo referiuse tamén ao incremento salarial reclamado polas organizacións sindicais. A este respecto insistiu na necesidade de que o Ministerio peche un acordo para que o aumento recaia no salario ou complemento xeral ao tratarse dun corpo nacional, e non repercuta nos presupostos autonómicos.

Por outra banda, no decurso da xuntanza acordouse non someter a decisión a aprobación do decálogo sobre Xustiza dos coidados proposto polo Ministerio como piar básico para impulsar unha Administración de Xustiza máis próxima á cidadanía e que teña en conta todas as necesidades. Neste sentido, Diego Calvo sinalou que en Galicia xa se están a aplicar os principios recollidos no documento cos recursos humanos e materiais proporcionados pola Xunta, ofrecendo así “unha xustiza eficaz, accesible e de calidade que dá resposta cando se precisa con especial atención ás persoas vulnerables e que precisa este decálogo unha maior ampliación de dereitos e de persoas”.

R., 2024-03-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES