Noticias

Rueda advirte dun 'balance preocupante' no estado de execución das infraestruturas e servizos ferroviarios comprometidos polo Goberno central en Galicia

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, advertiu hoxe dun 'balance preocupante' no estado de execución das infraestruturas e servizos ferroviarios comprometidos en Galicia polo Goberno central e que, segundo admitiu, está a ser unha das 'inquedanzas fundamentais' do Executivo autonómico. Rueda informou de que esta é a principal conclusión dun informe da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, avaliado hoxe no consello da Xunta, sobre a situación dos servizos e das infraestruturas ferroviarias na comunidade, abordando as principais necesidades das liñas e dos servizos de tren en Galicia.

Neste senso, o mandatario galego en funcións lembrou que o Goberno galego enviou ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible no pasado mes de outubro unha serie de propostas sobre as melloras necesarias. E ante a falta de resposta, anunciou que estas “peticións e necesidades” serán unhas das cuestións “fundamentais” que abordará co titular do Executivo central, Pedro Sánchez, na reunión que lle solicitará “inmediatamente” tras a súa toma de posesión como presidente da Xunta.

Trens avril despois de Semana Santa

Rueda precisou detalles da avalación de xeito pormenorizado que realiza este informe sobre o funcionamento dos servizos de ferrocarril na comunidade. En concreto, referiuse a que aínda se continúe a agardar pola data concreta de activación dos trens AVRIL, a única opción para que a alta velocidade, ademais de a Ourense, chegue ás cidades restantes. “Non sabemos nada, só rumores”, lamentou o presidente da Xunta en funcións.

Neste senso, lembrou que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, despois de ter incumprido todas as datas anunciadas ata agora, trasladou o seu compromiso de posta en servizo dos trens Avril no primeiro trimestre de 2024. No entanto, apuntou que semella que tampouco no período de vacacións de Semana Santa Galicia se poderá contar con este activo que xa reclamara, sen éxito, para o Xacobeo 2021-2022 e que, segundo alertou, supón unha nova “oportunidade perdida” para o sector turístico.

Rueda tamén lamentou a “incógnita” de que o Goberno de España tampouco teña confirmado as unidades destes trens de rodadura desprazable que disporá Galicia, estimándose necesarios 7 trens Avril e 6 servizos diarios (entre ida e volta) para garantir a competitividade entre Madrid e as cidades galegas. En todo caso, adiantou que serían “absolutamente insuficientes” que se confirmase o “rumor” de que, finalmente, poden ser só dúas as unidades.

Plan director do Corredor Atlántico

Rueda tamén se referiu ao Plan Director do Corredor Atlántico que considerou fundamental para mellorar a competitividade das empresas do noroeste. “Nin está nin se lle espera”, alertou, ao tempo que recriminou que o comisionado non se teña reunido aínda co Goberno galego. Sobre esta infraestrutura, explicou que as comunidades afectadas teñen calculado que serán precisas actuacións por un importe de 8.000 M€ para adaptar as infraestruturas.

Ademais, tamén advertiu que o Goberno galego percibiu a mesma desatención por parte do Executivo central en crear unha rede de cercanías como hai noutras comunidades, que sería clave para mellorar a mobilidade, sobre todo na contorna de cidades como Vigo e A Coruña. “Nunca máis se volve falar deste tema que para Galicia sería prioritario”, advertiu en referencia a que este foi un compromiso adquirido por Pedro Sánchez na súa sesión de investidura como presidente do Goberno de España.

Mellora tramos AVE Madrid-Galicia

Rueda lembrou que outra das propostas sen resposta que a Xunta trasladou en outubro ao Goberno central foi a da necesidade de mellorar certos tramos do AVE Madrid- Galicia.

En concreto, o presidente da Xunta en funcións referiuse a rematar tramos como aentrada a Ourense pola Variante exterior; de culminar as obras da estación intermodal da cidade das Burgas ou de remodelar o túnel do Padornelo. De igual xeito, tamén demandou axilizar os nós fóra de Galicia para facilitar a conexión con alta velocidade con outros territorios. Neste senso, puxo como exemplo que a variante de Olmedo permitiría a conexión directa con País Vasco ou Cataluña sen pasar por Madrid.

AVE Vigo-Porto

Ademais, tamén fixo fincapé en que o informe revela que aínda non existe un cronograma nin plan de investimentos do AVE Vigo-Porto. En concreto, puxo como exemplo da falta de vontade do Goberno central en materia de infraestruturas ferroviarias comprometidas con Galicia o estado da Saída sur en Vigo.

“Hai un eterno papeleo nos medios, pero non hai ningunha realidade”, advertiu. Polo contra, salientou que o Goberno portugués “avanza nos seus prazos” de cara a posta en marcha desta infraestrutura.

Liñas Ferrol-A Coruña; Monforte-Coruña e Ferrol-Ribadeo

Finalmente, o mandatario galego en funcións tamén lamentou que no informe se constata que tampouco hai previsións da “imprescindible modernización” das liñas Ferrol-A Coruña; A Coruña- Monforte ou Ferrol-Ribadeo.

R., 2024-02-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES