Noticias

O Nodo CIBER.gal consolida en Galicia un ecosistema de ciberseguridade que integra ás administracións, empresas, universidades e institucións de referencia

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal consolidouse en 2023 como espazo de referencia para o ecosistema galego da seguridade de información, coa incorporación de 10 grandes empresas e a realización ou participación en todo tipo de iniciativas de concienciación, promoción do talento e do coñecemento e prestación de servizos. Na actualidade, son xa máis de 50 as administracións, universidades, empresas e institucións que forman parte deste modelo de colaboración creado en 2020. Os responsables de CIBER.gal presentaron recentemente, ante a Asemblea do Nodo, a Memoria correspondente a súa actividade no 2023.

O documento destaca actividades de concienciación e capacitación dirixidas á cidadanía, ás administracións públicas ou ao tecido empresarial. Entre elas, atópase a celebración do III Encontro CIBER.gal, que reuniu en Santiago a algúns dos principais expertos nacionais en ciberseguridade; e o desenvolvemento do Curso Superior de Ciberseguridade destinado aos empregados públicos.

Entre as campañas dirixidas á cidadanía, a memoria destaca as máis de 4 millóns de visualizacións que tiveron os vídeos de #CiberEsther; os máis de 6.600 escolares que participaron no concurso ‘Ciberseguridade no cole!’, ou os case 4.000 participantes nas iniciativas de concienciación e formación en ciberseguridade nos colexios.

A Memoria tamén destaca que, en 2023, deseñouse e púxose en marcha o novo espazo web do Nodo CIBER.gal, así como a web ciberseguridadegalicia.gal, que concentra toda a información e recursos de Galicia nesta materia. O Nodo participou tamén na elaboración da Estratexia Galega de Ciberseguridade e formalizou colaboracións con organizacións internacionais como a Global Cybersecurity Alliance.

Entre a actividade de 2023, a Memoria destaca o fomento do talento a través da participación ou implicación en iniciativas como os servizos de ciberseguridade para entidades locais; ou a sinatura do convenio entre o INCIBE e as tres comunidades participantes -Galicia, Cataluña e Comunidade Valenciana- no proxecto do Centro de Innovación en Competencia en Ciberseguridade.

Precisamente, o desenvolvemento deste convenio figura entre as principais liñas de traballo para este ano. Así, a Memoria destaca a próxima creación en Galicia deste centro, centrado no transporte intelixente. Esta actuación conta cun financiamento público e privado de máis de 19 millóns de euros e forma parte do programa RETECH, no que tamén participan Cataluña e a Comunidade Valenciana.

R., 2024-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES