Noticias

A economía galega medrou un 1,8% no ano 2023

A economía galega medrou no ano 2023 un 1,8%, segundo se desprende do informe de contabilidade trimestral referente ao cuarto trimestre do ano pasado, publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Deste xeito, cúmprese a revisión á alza das previsións macroeconómicas feita polo Goberno galego o pasado mes de outubro, proba do realismo e a prudencia nas estimacións dos orzamentos autonómicos. Ademais, Galicia encadea xa tres anos de crecemento logo da pandemia. O informe mostra tamén que no 4º trimestre do ano, o PIB aumentou un 1,8% con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior e que en canto á evolución intertrimestral, a taxa do PIB autonómico situouse no 0,8%.

Desde o punto de vista da demanda, no ano 2023, a demanda externa achegou 1 punto porcentual, cun crecemento do 1,5% das exportacións, mentres a demanda interna achegou 0,8 puntos porcentuais. No que respecta á oferta, o sector da industria creceu un 2,5%; e os servizos medraron un 2,3%, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (4,3%).

No conxunto do ano 2023, os postos de traballo equivalentes a tempo completo aumentaron un 2,0% en Galicia o que supón un incremento de 19.989 postos respecto ao ano anterior.

R., 2024-02-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES