Noticias

Vidro, cerámica, algas, madeira e plásticos encabezan o lixo que retiraron os profesionais do mar en Galicia

O sector marítimo-pesqueiro galego recolleu entre os anos 2020 e 2023 preto de 425 toneladas de lixo das costas galegas ao abeiro de 36 proxectos colectivos desenvolvidos no marco das convocatorias de axudas para accións de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos. Estas accións promovidas desde a Consellería do Mar, que lidera en funcións Alfonso Villares, involucraron a arredor de 1.200 persoas e 145 embarcacións de confrarías e pescadores repartidas por toda Galicia. Supuxeron un investimento público de máis de 1,6 millóns de euros.

Dentro das recollidas activas destacan, nun primeiro termo, os preto de 133.000 quilos de vidro e cerámica pois constitúen o 32% do total, seguidos de produtos naturais (como algas, pólas ou paus de madeira, entre outros) con máis de 108.700 quilogramos, o 26%; e case 87.000 quilos de plásticos; seguidos en menor medida de residuos de goma como os pneumáticos (8%), metal (5%), téxtiles varios (3%) e outros materiais variados (5%).

Ademais dentro destas iniciativas desenvolvéronse 169 accións para mellorar a concienciación ambiental, a formación e a colaboración entre os axentes implicados. Entre elas charlas e xornadas formativas, material divulgativo, obradoiros, reportaxes de vídeo e exposicións.

Na súa execución participaron confrarías de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades asociativas do sector en Galicia como as ONG en alianza coas entidades do sector ou conxuntamente cos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). Destas accións deuse conta hoxe no Consello da Xunta.

Dos 36 proxectos desenvolvidos, 32 consistiron na recollida activa de lixo por mariscadoras e mariscadores e embarcacións -con días de saída específica para retirar residuos de determinadas zonas- e os catro restantes de recollida pasiva, sacando do litoral os refugallos que chegan nos aparellos durante os traballos ordinarios de pesca ou de extracción de recursos marisqueiros.

En total nos últimos tres anos realizáronse 309 limpezas activas nas que participaron máis de 705 persoas e 30 embarcacións, algunhas delas formando parte de accións desenvolvidas en distintos anos, totalizando case 414 toneladas. Da recollida pasiva formaron parte preto de 470 profesionais do mar e arredor de 115 embarcacións, sumando algo máis de 10,2 toneladas máis á cifra global.

Implicación do sector

As iniciativas desenvolvidas ao abeiro das axudas da Consellería do Mar son un exemplo do alto grao de implicación do sector na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, como demostra tamén o feito de que máis do 60% dos plans de marisqueo xeral para o período 2021-2023 e preto do 70% dos plans de xestión de recursos específicos de 2022-2024 inclúan accións de recollida de lixo mariño nos seus obxectivos ecolóxicos a tres anos.

Ademais a cifra de proxectos aumenta progresivamente, o que demostra o interese e a implicación do sector nestas tarefas. De feito, no marco da primeira convocatoria destes apoios -do ano 2020- executáronse cinco proxectos e na última -a de 2023- executáronse doce, é dicir, máis do dobre.

Todas estas iniciativas enmárcanse no plan MarLimpo da Consellería do Mar, co que se pretende contribuír a acadar un ambiente costeiro e mariño limpo, saudable, produtivo e diverso no biolóxico e unha redución da cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras. A través del tamén se busca que os sectores pesqueiro e marisqueiro integren nas súas operativas boas prácticas que contribúan á protección do medio mariño.

R., 2024-02-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES