Noticias

Galicia esixe ao Goberno que lidere en Bruxelas a petición dunha "moratoria urxente" da normativa europea

A Xunta insiste ao Goberno central na necesidade de liderar en Bruxelas a petición dunha "moratoria inmediata" de toda a nova normativa comunitaria que está poñendo trabas burocráticas innecesarias ás explotacións que "están asfixiando aos agricultores e gandeiros". Así o advertiu esta tarde o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, na súa intervención, por videoconferencia, no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, que estivo presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.

Nesta liña, o conselleiro advertiu que España, como "potencia agroalimentaria" dentro de Europa, ten que encabezar esta demanda, atendendo, de xeito efectivo, as reivindicacións de agricultores e gandeiros, cunha actuación "firme, contundente e urxente" por parte do ministro para conseguir unha suspensión da lexislación que obstaculiza a viabilidade das explotacións, con máis burocracia e esixencias medioambientais que, entendendo a súa pertinencia e compartindo a preocupación polo cambio climático, teñen que ser redeseñadas e atender no seu conxunto a sustentabilidade económica, social e medioambiental das explotacións.

Para isto, José González comprometeu a lealdade e o apoio de Galicia ao Goberno central, canto interlocutor con Europa, e avogou por unha posición común -entre as autonomías e o Estado- para actuar coa maior forza diante de Bruxelas e respectando as singularidades de cada territorio. Lembrou que así o veu defendendo Galicia ao longo de toda a negociación da nova PAC.

“En xogo están -advertiu o conselleiro- a soberanía alimentaria de Europa e a xestión sustentable do territorio” que realizan os agricultores e os gandeiros. Puxo como exemplo as dificultades que xera a actual normativa europea para a supervivencia da gandaría galega en extensivo e referiuse a cuestións concretas como o caderno dixital, o veterinario das explotacións ou as normas sobre nutrición sustentable do solos e aproveitamento de xurros. Tamén se referiu á necesidade de establecer cláusulas espello nos tratados comerciais internacionais e ao principio de reciprocidade, para non prexudicar o sector europeo fronte o de terceiros países.

En particular, o conselleiro reclamou ao Goberno que escoite ás comunidades para elaborar un catálogo coas principais esixencias do sector para trasladar xa o vindeiro día 26 de febreiro no Consello europeo de ministros de Agricultura. Neste sentido, Galicia trasladará por escrito ao Ministerio as demandas que considera que España debe defender no devandito Consello. Engadiu que, vendo como se está posicionando Europa -en referencia ao anuncio da Comisión de retrasar a entrada en vigor da nova lexislación de pesticidas ou das medidas sobre o barbeito na nova PAC-, “España non se pode quedar atrás”.

Esta moratoria deberá estar en vigor mentres Europa realice unha fonda reflexión estratéxica sobre o futuro da agricultura e a gandaría, na que tamén deben estar presentes as comunidades autónomas, defendeu o conselleiro en funcións.

O conselleiro en funcións reiterou, unha vez máis, o apoio da Xunta ás reivindicacións dos agricultores e gandeiros galegos e insistiu en pedir que as súas protestas se manteñan dentro dun ton pacífico, como están sendo ata o de agora na nosa comunidade.

Medidas tardías, vagas e insuficientes do Ministerio

José González advertiu que as medidas anunciadas polo ministro, tras a súa reunión do pasado venres con representantes de asociacións agrarias, “chegan tarde e, ademais, son vagas e completamente insuficientes".

Asemade, cualificou estes anuncios como feitos "cara á galería" para tentar sufocar as protestas do sector, procurando agora, de forma irresponsable, a "complicidade" das comunidades autónomas. Engadiu que se trata dunha proposta pobre, que en ningún caso satisfai aos produtores, como o demostra o feito de que non se desconvocasen as mobilizacións.

Neste mesmo sentido, a Xunta considera que o Goberno central non pode tentar descargar nas comunidades autónomas as súas responsabilidades á hora de facer cumprir, por exemplo, a lei da cadea alimentaria, unha norma de ámbito estatal e promovida polo actual Goberno central.

José González censurou as declaracións do ministro previas a esta xuntanza, nas que Luis Planas quixo trasladar ás autonomías deberes que lle son propios, como o reforzo das inspeccións para asegurar o cumprimento dun texto legal -o da cadea alimentaria- que é "papel mollado" por culpa do Executivo central, segundo remarcou o conselleiro.

Así, o titular en funcións de Medio Rural explicou que esta lei non se cumpre, entre outras cousas, porque o Ministerio non permite que se habiliten medios para o seu cumprimento efectivo. Medios -subliñou- como os que vén propoñendo Galicia; as aplicacións para o cálculo dos custos de produción –"Contacarne" e Contaláctea"- como instrumento efectivo para a súa determinación na negociación dos prezos.

R., 2024-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES