Noticias

O inventario de zonas húmidas de Galicia incorpora 250 espazos máis e actualiza a información de 10

O inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo que hai na Comunidade, acaba de ampliarse coa incorporación de 250 novos elementos e a actualización de 10 que xa estaban incluídos. Así se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, na que se informa tamén de que se pode acceder á visualización e descarga da cartografía dixital do inventario de zonas húmidas de Galicia a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio a tal fin.

As zonas húmidas son espazos naturais escasos e delicados, que proporcionan un gran número de recursos e constitúen un valioso patrimonio natural. Neste sentido, a finalidade do inventario, aínda que non implique de por si a aplicación de ningún réxime de protección nestes espazos, é preservar e destacar o papel que xogan as zonas húmidas para o coidado e a protección da biodiversidade, xa que albergan hábitats de grande interese e estratéxicos para a supervivencia de moitas especies.

Deste xeito, preténdese estandarizar e organizar toda a información dispoñible relativa aos humidais de Galicia, tanto xeral como territorializada, co propósito de dispoñer dunha base de referencia para os cambios futuros e proporcionar unha ferramenta para a planificación e a xestión do patrimonio natural.

A inclusión de zonas húmidas nesta listaxe por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural realízase de forma progresiva, mentres que a revisión e actualización da información xa existente faise de maneira permanente, cando resulte necesario.

Ata o de agora o inventario de zonas húmidas de Galicia incluía 400 elementos cunha superficie de 43.904 hectáreas. Coa inclusión publicada hoxe de 250 espazos máis xa son 650 as zonas húmidas inventariadas en toda a Comunidade, abranguendo un total de 45.142 hectáreas. Ademais, aproveitouse a revisión para actualizar a información relativa a 10 zonas húmidas xa inventariadas coa incorporación de novos elementos.

Cómpre lembrar que Galicia é a cuarta comunidade española —por detrás de Andalucía, Valencia e Castela A Mancha— con máis humidais incluídos na listaxe Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo e do que gozan 6 zonas húmidas galegas: a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

R., 2024-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES