Noticias

Investigadores da UVigo demostran nun estudo a viabilidade dunha misión a Marte usando propulsión solar eléctrica

Investigadores do campus de Ourense, ligados á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, realizaron un estudo de viabilidade dunha misión ao planeta Marte usando propulsión solar eléctrica, en contraposición coa propulsión química, que é o método empregado tradicionalmente no espazo. Nel demostran a súa superioridade e presentan un deseño preliminar completo dun satélite con este sistema eléctrico. O traballo foi publicado recentemente na revista Acta Astronautica nun artigo titulado Feasibility study of a solar electric propulsion mission to Mars e está asinado por Marco Casanova, Fermín Navarro e Daniele Tommasini (egresado e profesores respectivamente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo).

A iniciativa, apuntan os seus responsables, é froito dunha colaboración entre dous centros de investigación da Universidade de Vigo, como son atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), do que Fermín Navarro é parte, e o recentemente creado IFCAE (Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais), do que tanto por Marco Casanova como Daniele Tommasini son membros.

Segundo explica Marco Casanova “a nosa colaboración remóntase a varios anos atrás, cando presentei con ambos profesores un estudo sobre unha misión a Xúpiter empregando un novo sistema de propulsión baseado en forzas electrodinámicas. Desde entón seguimos traballando en diversos proxectos, como estudos de defensa planetaria para modificar órbitas de asteroides con probabilidade de impacto coa terra”. O artigo é parte da súa investigación como estudante de doutoramento do Programa de Tecnoloxía Aeroespacial da Universidade de Vigo, que realiza mentres traballa para a Axencia Espacial Europea como responsable do computador de a bordo (data handling SOE) para a misión EarthCare, que está previsto lanzar en maio.

Comparación de resultados

Os autores do estudo explican que en contraposición coa propulsión química, método de propulsión usado tradicionalmente no espazo e no que nunha cámara de combustión quéimase un combustible en presenza dun carburante, a propulsión eléctrica emprega o impulso que xera a aceleración de electróns que se exectan ao ionizar un gas nobre. Esta tecnoloxía, detallan, xera unha forza moito máis pequena, pero consome propulsante a unha velocidade moito menor, o cal restrinxe o seu uso a arcos de tempo amplos, mentres que a propulsión química úsase en manobras puntuais nas que se confire moita máis forza nun instante. “Nos últimos anos hai un crecente interese en misións á lúa e Marte e é cada vez máis importante facer un uso sostible e óptimo do combustible. É por iso que é relevante tentar mellorar este tipo de misións”, afirman. Segundo comentan os investigadores, esta tecnoloxía, “en completo auxe en satélites comerciais de observación terrestre e para satélites xeoestacionarios, empeza a ser determinante tamén en misións interplanetarias xa que abre a porta a tipos de traxectorias imposibles con propulsión química”.

No seu traballo, os investigadores da UVigo compararon as masas que se necesitarían “para levar a cabo unha misión científica a unha órbita polar ao redor de Marte a tan só 300 quilómetros de altura usando un sistema químico e un eléctrico”. Unha vez “demostrada a superioridade do sistema eléctrico”, o estudo presenta un deseño preliminar completo dun satélite de propulsión eléctrica capaz de levar a cabo a misión, presentando os requisitos de potencia, masa ou equipamento necesarios. “Este concepto de misión pode servir de base para futuras misións xa que demostra as vantaxes deste sistema en comparación con previas misións ao planeta vermello”, afirman os autores do traballo.

R., 2024-02-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES