Noticias

Galicia presenta un total de 117 praias como candidatas a optar á bandeira azul en 2024

Galicia propuxo este ano un total de 117 praias —40 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 61 á de Pontevedra— como candidatas a optar á Bandeira Azul 2024, a mesma cifra que as que xa presentara na edición anterior. Así o avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras participar en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.

Tal e como explicou a directora xeral, con 117 praias propostas, Galicia é a terceira autonomía que formalizou máis candidaturas este ano, só por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía, que presentaron 154 e 152 praias, respectivamente.

Neste sentido e aínda que haberá que agardar ata mediados do mes de maio para coñecer a listaxe definitiva de areais galardoados, Belén do Campo amosou a súa confianza en que Galicia volva estar en 2024 entre as comunidades ao fronte da clasificación das bandeiras azuis, que son, dixo, un “reclamo turístico innegable” xa que permiten facer das costas un destino atractivo ao tempo que dinamizan a economía e o emprego en todos os sectores vencellados ao turismo.

Por iso, aproveitou a súa intervención para poñer en valor o esforzo realizado polas administracións locais para participar cada ano neste programa de recoñecemento internacional e poñer a punto as súas praias co obxectivo de poder lucir o maior número de distintivos azuis posible.

Nese sentido, a representante da Xunta desexou que os 35 concellos galegos que este ano presentaron algunha candidatura —15 da provincia da Coruña, 8 da de Lugo e 12 da de Pontevedra— se vexa recompensado cun distintivo para o 100% das súas praias, que deberán acreditar unha calidade das augas excelente, unhas boas condicións de seguridade, servizos e accesibilidade, así como unha atinada xestión medioambiental.

Cómpre lembrar que Galicia ocupa desde hai anos un dos primeiros postos da clasificación a nivel nacional en canto a número de distintivos azuis recibidos, con 174 na edición de 2023 entre praias, rutas, portos deportivos e centros de visitantes.

De feito e tras darse a coñecer xa a relación de sendeiros azuis do ano 2024, a Comunidade acaba de consolidarse como líder absoluto nesta categoría, con 49 rutas galardoadas e superando en 14 os itinerarios que foran recoñecidos en 2023.

R., 2024-02-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES