Noticias

Galicia rexistrou un mes de xaneiro extremadamente cálido e normal en precipitacións

Galicia rexistrou un mes de xaneiro extremadamente cálido e normal no que respecta ás precipitacións, segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. Neste sentido, o primeiro mes do ano caracterizouse por uns últimos 10 días no que as altas presións deixaron tempo seco e, ademais, atraeron aire cálido, o que provocou que as temperaturas foran elevadas para esta época. Pola contra, os primeiros 20 días foron bastante típicos dun mes de xaneiro con frecuentes borrascas e entradas de aire frío.

No que atinxe ás temperaturas, a anomalía media da temperatura para este mes, obtida a partir dos datos rexistrados en 11 estacións meteorolóxicas representativas, foi 1,9 graos superior ao valor normal climatolóxico, o que fai que xaneiro poida considerarse como extremadamente cálido. De feito, o pasado mes ocupa a segunda posición na serie histórica 1961-2024, tendo como único precedente máis cálido o mes de xaneiro de 1966.

Máis polo miúdo, o valor medio da temperatura máxima foi de 12,5 graos e no caso da mínima foi de 5,2 graos. Os índices máis altos –entre 15 e 15,5 graos- rexistráronse nas comarcas costeiras do Baixo Miño, golfo Ártabro e Mariña lucense e os máis baixos -entre 1,5 e 2,4 grados- foron nas zonas montañosas de Ourense.

Da análise das precipitacións conclúese que xaneiro foi un mes normal xa que as sucesivas borrascas dos primeiros día do ano, como Henk, Hipólito ou Irene, deixaron cantidades apreciables e de xeito moi xeneralizado. Así, a precipitación media acumulada foi de 179 l/m2, un 5% superior ao valor climático normal.

En canto á distribución das chuvias, os valores máis altos concentráronse nas serras litorais -entre 300 e 360 l/m2- mentres que os máis baixos se rexistraron no canón do Sil, no sur de Lugo e en puntos da comarca da Coruña.

R., 2024-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES