Noticias

Galicia prepara o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei estatal de vivenda coa petición dun informe ao Consello Consultivo

A Xunta está a traballar na posible presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei estatal de vivenda mediante a recompilación de distintos argumentos como un informe preceptivo solicitado ao Consello Consultivo de Galicia. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vazquez, explicou hoxe que a Comunidade recorrerá aos tribunais se o Goberno central non dá resposta nesta semana ás propostas de modificación da normativa que lle remitiu nos últimos días o Observatorio da Vivenda de Galicia.

Precisamente, a responsable autonómica incidiu antes da reunión deste órgano consultivo sobre o sector da vivenda en que os prazos para presentar o recurso de inconstitucionalidade se esgotan e que o Executivo central debe actuar con celeridade dando resposta ás peticións de cambios -coa introdución de axustes ou a supresión de certas partes do texto- para evitar os conflitos de competencias existentes coas autonomías. Do contrario, Galicia seguirá os pasos que xa deron outras comunidades como Andalucía, Baleares ou Madrid.

A vicepresidenta segunda detallou que o documento remitido polo Observatorio ao Goberno central dá resposta ao compromiso adquirido na reunión da comisión bilateral do pasado mes de xaneiro, onde a Comunidade acordou trasladar as partes do texto lexislativo nas que considera necesario introducir modificacións para evitar o conflito competencial.

Entre elas, salientou cuestións relacionadas coa okupación ou co alugueiro de vivendas. “Non imos permitir que a okupación sexa o título habilitante para acceder a unha vivenda pública nin que a inseguridade que xera afonde na retirada de vivendas do mercado do alugueiro optando pola venda ou o uso turístico”, aseverou Ángeles Vázquez.

A responsable autonómica pediu ao Goberno central que actúe con seriedade e rigorosidade dando unha resposta inmediata ao Observatorio. Neste sentido, xusto despois de aprobarse a lei estatal de vivenda -en maio- a Xunta solicitou unha comisión bilateral para analizar as discrepancias no seu contido, pero ata meses despois non tivo resposta e a reunión non foi convocada ata xaneiro.

A vicepresidenta segunda subliñou que está na man do Executivo central evitar un novo recurso de inconstitucionalidade contra a lei de vivenda estatal e incidiu en que os servizos xurídicos do Goberno galego teñen perfectamente analizado o texto lexislativo por se fose necesario recorrer á vía xudicial para resolver o conflito competencial. Precisamente, ese traballo complementarase co informe solicitado ao Consello Consultivo de Galicia.

Discrepancias

A Xunta advertiu desde o primeiro momento de que a nova lei polo dereito á vivenda foi aprobada sen o consenso das comunidades autónomas, invade parte das súas competencias, xera confusión normativa e inseguridade, ataca o dereito á propiedade, prima aos okupas fronte aos propietarios e aposta por un modelo intervencionista que Galicia non comparte así como por medidas sancionadoras en lugar de fixar incentivos e medidas de estímulo para os propietarios.

Neste sentido, contrasta a actuación da Xunta neste caso -apostando polo diálogo desde o principio- co comportamento do Goberno central noutras situacións semellantes como a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que foi recorrida directamente polo Executivo central ante o Tribunal Constitucional sen a convocatoria dunha comisión bilateral na que se podería buscar o xeito de dirimir as discrepancias existentes entre as partes.

Conferencia sectorial

A reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia tamén serviu para dar conta da última Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo, que se celebrou en Madrid a mediados de xaneiro e na que o Goberno central trasladou que vai transferir á Comunidade 25,2 millóns de euros no novo reparto territorial dos fondos europeos destinados a financiar diferentes liñas de axudas en materia de vivenda que se convocarán este ano.

Nesta liña, malia que a Xunta está de acordo coa distribución entre as comunidades, ve necesario un esforzo adicional e maior financiamento para aquelas comunidades como Galicia que cumpriron amplamente os obxectivos marcados. De feito, a vicepresidenta segunda reiterou que para poder chegar e atender todas as solicitudes de subvención para rehabilitación no eido residencial recibidas ata o momento na Comunidade, serían necesarios 140 millóns de euros, polo que os 25,2 millóns que lle corresponderán a Galicia para este ano son insuficientes.

R., 2024-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES