Noticias

Galicia é a cuarta comunidade española con máis humidais declarados de importancia internacional

Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis humidais declarados de importancia internacional. Ademais, seis zonas húmidas galegas están incluídas na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo. En concreto, son a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. A Xunta ten elaborado o Inventario de zonas húmidas de Galicia.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis humidais declarados de importancia internacional.

Durante unha visita ao Esteiro do Miño con motivo do Día mundial dos humidais, Ángeles Vázquez explicou que seis zonas húmidas galegas están incluídas na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo. En concreto, son a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.

A vicepresidenta segunda lembrou que a Xunta elaborou o Inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro de carácter público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo existentes na Comunidade e que, polo tanto, constituirá unha base fundamental para a súa xestión.

Na actualidade inclúe un total de 400 zonas húmidas, que suman preto de 44.000 hectáreas, e está previsto que este mesmo mes se incorporen outros 246 espazos destas características. Con esta inclusión o inventario contará cun total de 646 zonas húmidas, que abarcan 45.142 hectáreas.

Esta medida ten como obxectivo promover a conservación e posta en valor destes espazos naturais que en Galicia contan cunha gran variedade e, no seu conxunto, albergan unha notable riqueza de flora e fauna, destacando taxóns ameazados e hábitats prioritarios.

Nesa liña, Ángeles Vázquez incidiu na importancia que teñen para mitigar o cambio climático espazos como o Esteiro do Miño, que abrangue unha superficie de máis de 860 hectáreas nos concellos da Guarda e O Rosal, e que está incluído na Rede Natura 2000.

A canle fluvial e as mareas conforman un espazo sedimentario moi dinámico con predominancia de bancos de area e pequenos sistemas dunares. Ademais, destaca a riqueza de especies migratorias de peixes como o sábalo, o salmón atlántico, o reo, a anguía e a lamprea mariña, e de aves acuáticas reprodutoras como o alavanco.

R., 2024-02-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES