Noticias

Galicia reduce ata o 8,8 % o abandono escolar e adiántase ao obxectivo do 9% fixado pola UE para o ano 2030

Galicia reduce ata o 8,8 % o taxa de abandono educativo temperá correspondente ao ano 2023 e adiántase sete anos ao cumprimento do obxectivo do 9 % fixado pola Unión Europea para o ano 2030. Así o confirman os datos do Instituto Galego de Estatística, á falta de coñecer as cifras comparativas con España e co resto das comunidades autónomas. Desde o ano 2009 (no que se rexistrou un 25,8), o abandono temperá en Galicia reduciuse en 17 puntos, ao abeiro de programas de mellora impulsados desde o Goberno galego que fan fincapé en piares fundamentais como son o reforzo das competencias académicas con especial atención a quen máis o precisa, o fomento do bo clima nas aulas, o labor de orientación para a elección dun itinerario formativo e o reforzo da FP Básica como garantía dunha saída profesional.

O abandono temperá refírese ao alumnado que decide non continuar os seus estudos tras rematar a etapa de Secundaria Obrigatoria.

Reforzo competencial e orientación

No que atinxe ao reforzo competencial, cómpre subliñar que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva anos implementando distintos plans de reforzo e atención ao alumnado nas etapas de Primaria e de ESO co fin de que, logo de concluír as etapas formativas obrigatorias, os alumnos se sintan atraídos por continuar a súa formación académica a través do Bacharelato ou da FF.

A este obxectivo responden accións como o Programa PROA (de Reforzo, Orientación e Apoio), o Programa Acompaña de incorporación de docentes de apoio para a atención á diversidade ou a liña Quéda-T dentro dos Contratos-Programa, a través do cal se dá apoio aos centros para que organicen medidas específicas de índole pedagóxica ou organizativa para a prevención e redución do abandono temperá, especialmente no caso do alumnado en situación de vulnerabilidade.

Tamén destacar o reforzo da orientación académica como unha liña de traballo na que desde os institutos se acompaña aos estudantes na elección dos itinerarios formativos que mellor encaixen coas súas inquedanzas de futuro. Neste senso, cómpre lembrar tamén a posta en marcha no curso 2021/22 da Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia, coñecida como RAOGAL, un programa concibido para apoiar ao alumnado máis vulnerable e que duplicou recursos nestes tes anos de funcionamento.

Outra das fortalezas do sistema educativo galego é a Formación Profesional como unha saída educativa de primeiro nivel para a mocidade que se veu reforzada nos últimos anos coa constante ampliación de prazas, o reforzo da oferta con titulacións máis atractivas e a aposta pola especialización que fai que estas ensinanzas sexan a opción prioritaria para moitos alumnos.

Agradecemento á comunidade escolar

A Xunta recoñece o labor do conxunto da comunidade educativa neste bo resultado, especialmente no que atinxe ao esforzo e implicación do profesorado galego e dos equipos directivos dos centros. Non en balde, son quen aplican no día a día na escola todo o abano de programas e ferramentas que a Consellería pon á súa disposición.

Desde o departamento educativo do Goberno galego seguirase a traballar no desenvolvemento de políticas educativas que reforcen o ensino galego como un dos mellores tal e como avalan informes internacionais como PISA (onde Galicia ocupa o posto 12 a nivel internacional e o conxunto de España o 28), as estatísticas do Ministerio de Educación e mesmo informes de entidades nas que participan as organizacións sindicais.

R., 2024-01-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES