Noticias

A Xunta anuncia a creación do Centro galego para o control e prevención de enfermidades

Alfonso Rueda anunciou que a Xunta vai crear un Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades co obxectivo de “poder adiantarse a novas epidemias e problemas de saúde pública relevantes”. O centro, que se adscribirá á Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, será o órgano responsable do asesoramento e coordinación das estratexias e políticas de saúde pública, que permitirá a toma óptima de decisións para mellorar a saúde da cidadanía galega.

Cómpre remarcar que a creación deste organismo é consecuencia do cumprimento dos mandatos das comisións creadas para o estudo das medidas que se deberán tomar tras a pandemia da COVID-19, tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia, e que defendían un reforzo en materia de asesoramento e coordinación das estratexias e políticas de saúde pública.

Alerta precoz e proactividade

Unha das prioridades deste organismo, segundo explicou Rueda, é “responder con celeridade as novas ameazas para a saúde da poboación”. Para iso, o Centro vai desenvolver un novo modelo de vixilancia epidemiolóxica en Galicia, baseado na alerta precoz e proactividade.

O Centro de Control e Prevención vai seguir vixiando as enfermidades transmisibles, pero tamén incluirá datos no seu control de patoloxías non transmisibles, factores ambientais e condutuais. Cunha visión one health (concepto que busca aumentar a colaboración interdisciplinar no coidado da saúde das persoas, animais e ambiente), integraranse na vixilancia epidemiolóxica “a análise de augas residuais ou o impacto da calidade do aire” na saúde da poboación. Así mesmo, tal e como explicou Rueda, utilizará ferramentas tecnolóxicas como modelos de predición “con intelixencia artificial e Big Data”.

Na mesma liña de anticipación, a Xunta prevé un traballo en rede que estea á vangarda en ciencia, calidade e seguridade. Crearase a Rede galega de vixilancia das infeccións e de microbioloxía en saúde pública, así como “as redes sentinela de vixilancia en oficinas de farmacia”, coas cales predicir episodios epidemiolóxicos a través dos datos de dispensación de determinados medicamentos ou produtos sanitarios (por exemplo, tests diagnósticos para gripe ou COVID).

E ademais, o departamento sanitario galego continuará coas estratexias de detección precoz de determinados cancros e, no período neonatal, de enfermidades xenéticas, endócrinas e metabólicas, a través do programa de cribado máis amplo do Sistema nacional de saúde coa detección de 37 enfermidades.

Este Centro desenvolve así a Estratexia galega de saúde 2030, recentemente aprobada polo Executivo galego, que fixa como unha das prioridades de transformación do sistema sanitario a de adoptar un enfoque máis proactivo, incrementando a actividade que se realiza sen agardar á aparición dun problema de saúde: desde a actividade de vixilancia epidemiolóxica ata as accións de prevención como a vacinación ou os cribados para, deste xeito, mellorar o estado xeral de saúde e previr a aparición das enfermidades.

Estratexias innovadoras na abordaxe da pandemia

Este Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades afianzará o traballo da Dirección Xeral de Saúde Pública, que se situou á vangarda da abordaxe da pandemia con cribados poboacionais masivos, puntos de tests autocovid, secuenciación nos hospitais galegos ou convocatorias proactivas de vacinación. Con estas accións, a Xunta puido tomar, de forma anticipada, decisións de control da pandemia avaladas en datos científicos e na valoración de expertos de múltiples disciplinas e Galicia conseguiu acadar as maiores porcentaxes de cobertura vacinal fronte á COVID de toda España.

Por esta importancia de ter un sistema sanitario público preparado para responder as ameazas presentes e futuras, o Goberno galego inicia a tramitación da creación deste órgano, que nace da ampla experiencia no desenvolvemento de programas de saúde pública, como os cribados poboacionais de cancro, o calendario galego de inmunización ao longo de toda a vida ou, por exemplo, o control oficial no ámbito da seguridade alimentaria e a sanidade ambiental.

Tras tratar o tema no Consello da Xunta, o proxecto de decreto polo que se crea o Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades será publicado no Portal de transparencia para iniciar a tramitación correspondente. “A previsión é que comece a funcionar no primeiro semestre deste ano e estará constituído por medio cento de profesionais da medicina, enfermaría, matemática, psicoloxía ou veterinaria”, indicou o presidente.

R., 2024-01-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES