Noticias

Galicia recibirá 25,2 M€ no novo reparto territorial de fondos europeos para as axudas de vivenda

Galicia recibirá inicialmente unha asignación de 25,2 millóns de euros no novo reparto territorial dos fondos europeos destinados a financiar diferentes liñas de axudas en materia de vivenda que se convocarán este ano. Tras asistir esta mañá á Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo que se celebrou en Madrid, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que a Xunta está de acordo coa distribución entre as comunidades acordada hoxe pero emprazou ao Goberno central a facer “un esforzo” e incrementar os fondos destinados a este eido.

Neste sentido, xustificou a súa solicitude de maior financiamento en que o Executivo galego “fixo os deberes” e cumpriu “con creces” os obxectivos marcados polo Ministerio no caso de Galicia con relación aos programas para actuacións a nivel de edificio e a nivel de vivenda convocados nos anos 2022 e 2023.

En concreto e segundo os criterios acordados para poder acceder ao futuro reparto de fondos europeos, o número de axudas resoltas nas dúas anualidades anteriores debía superar o 75 % do obxectivo previsto, é dicir, chegar a un mínimo de 7.014 vivendas beneficiadas.

No caso de Galicia, tal e como salientou a vicepresidenta, este fito acadouse sobradamente xa que en 2022 e 2023 a Xunta concedeu subvencións para rehabilitar enerxeticamente un total de 10.015 vivendas só a través destes dous programas.

Así, reivindicou que para poder chegar e atender todas as solicitudes de subvención para rehabilitación no eido residencial recibidas ata o momento na Comunidade, a Xunta estima que serían necesarios 140 millóns de euros, polo que os 25,2 millóns que lle corresponderán a Galicia para este ano son “insuficientes”.

Por iso e tras incidir en que parte dos fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia “están aínda sen executar”, tanto en materia de vivenda como noutros ámbitos, Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de que as comunidades que están cumprindo cos obxectivos e facendo un esforzo orzamentario notable —cunha partida de 170 millóns de euros reservada este ano á vivenda nas contas da Xunta — poidan dispoñer de máis fondos para atender o maior número de solicitudes posible.

Así mesmo, a vicepresidenta aproveitou a Conferencia Sectorial para pedirlle tamén á nova ministra de Vivenda e Axenda Urbana que axilice na medida do posible a transferencia efectiva do reparto de fondos ás comunidades, recordando que os tempos para facer as convocatorias de axudas de 2024 son moi xustos e se corre o risco de non chegar a tempo para cumprir cos obxectivos de execución fixados pola UE para 2026.

Por último, pediu tamén á ministra que aclare os “anuncios” realizados polo Goberno central respecto da posta á disposición das comunidades autónomas de vivendas propiedade da Sareb e a explicar a razón pola que Galicia foi excluída do programa Viena.

R., 2024-01-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES