Noticias

Galicia contará cun novidoso mercado voluntario de créditos de carbono, para que as empresas poidan compensar a súa pegada de CO2 e camiñar cara a neutralidade carbónica

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego creará un novidoso mercado voluntario de créditos de carbono para que “as empresas e os cidadáns poidan compensar as súas emisións” e contribuír na loita contra o cambio climático ao financiar proxectos sostibles que persigan estes obxectivos. O Consello avaliou na súa reunión de hoxe o proxecto de decreto polo que se regula o Sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia e se acorda iniciar a súa tramitación. Esta norma permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio da nosa comunidade, unha iniciativa na que están implicadas a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural.

Esta plataforma servirá de nexo entre as persoas operadoras ou grupos de operadoras, que actuarán como promotoras dos proxectos de absorción de carbono nos mercados voluntarios e aquelas compensadoras. Estas últimas -organizacións públicas e privadas, ou incluso cidadáns- son as que adquiran ou utilicen créditos de carbono, ben sexa como persoas intermediarias ou ben como axentes finais co fin de compensar as súas emisións e camiñar cara a neutralidade.

“É dicir, trátase dun sistema no que gandeiros e silvicultores poderán ofrecer proxectos que reducen emisións ou absorben CO2 nos que poderán participar, mediante a cofinanciación, aquelas empresas que queiran compensar a súa pegada de carbono”, explicou o presidente.

Coa tramitación do decreto iníciase un proceso que, unha vez entre en vigor esta norma e se poña en marcha a plataforma de comercialización, permitirá que se poidan comprar e vender créditos de carbono en Galicia. E todo a través dun sistema auditado, transparente e co aval da Xunta, ofrecendo garantía e lexitimidade aos posibles compradores, que poden ser organizacións públicas e privadas, mesmo cidadáns, que busquen compensar a súa pegada de carbono.

Este novo sistema incorporará metodoloxías pioneiras en España e con escasos precedentes en Europa, e ofrecerá no noso país unha alternativa ao mercado voluntario do Goberno central, que aposta por rexistrar terreos afectados polo lume.

A Xunta desexa incidir en metodoloxías relacionadas coa xestión forestal sostible, na redución da pegada de carbono na nova edificación ou na redución mediante a aplicación de novas prácticas agrogandeiras. Ferramentas innovadoras como o Inventario Forestal Continuo ou o proxecto SICLE (solucións innovadoras para a compensación local de C02), serán pezas fundamentais que avalarán a garantía e transparenncia deste sistema.

Obxectivos do sistema

No texto legal avaliado hoxe polo Consello sinálase que entre os obxectivos deste sistema están o de contribuír á mitigación de gases de efecto invernadoiro, á descarbonización da economía no territorio autonómico e ao cumprimento dos compromisos autonómicos, nacionais, europeos e internacionais asumidos por Galicia.

“Este sistema será un modo de fomentar a concienciación social sobre a importancia de coidar as nosas contornas e crear unha nova fonte de ingresos a silvicultores ou gandeiros de Galicia” para que complementen ás súas rendas actuais, indicou o presidente que asegurou que no caso das empresas, permitiralles mercar créditos de carbono certificados e, deste xeito, acadar obxectivos de neutralidade chave para o seu futuro en determinadas producións e mercados, ademais de manifestar o seu compromiso co medio ambiente.

Trátase, en resumo, de servir como instrumento para a conservación do medio ambiente, do medio natural e do medio rural e de fomentar un modelo económico de capital natural a través de proxectos de negocio con efectos positivos para o mar, a natureza e a biodiversidade. Tamén, de avanzar na prevención e defensa contra os incendios forestais, na protección fronte a catástrofes naturais, na mitigación e/ou adaptación contra o cambio climático e na creación do emprego endóxeno, colaborando ao aumento da calidade de vida e o desenvolvemento da sociedade no medio rural.

Para que os mercados voluntarios acaden os seus obxectivos teñen que cumprir unha dobre condición. Para ser admitidos como oferta nun mercado voluntario, os proxectos deben proporcionar adicionalidade, é dicir que a actividade que se desenvolva supoña un incremento na reducción ou absorción de carbono respecto ao proceder de xeito ordinario, ese incremento ou adición é o que se pode comercializar nestes mercados voluntarios, ademais, este carbono secuestrado non pode estar inscrito noutros sistemas voluntarios de carbono, evitando deste xeito a dobre contabilidade.

Mediante este decreto facultarase á Xunta para crear un comité técnico integrado por un representante de cada consellería con competencias no desenvolvemento de proxectos susceptibles de absorber carbono ou de reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro. Este órgano, do que tamén poderán formar parte expertos e representantes doutras administracións ou entidades privadas relevantes neste tipo de proxectos, terá como función informar tecnicamente sobre as diferentes metodoloxías do sistema voluntario de créditos de carbono a aprobar, revisar, actualizar ou revogar.

Créditos de carbono ECO

Tal e como explicou o presidente, o novo Sistema voluntario de créditos de carbono diferenza dous tipos de créditos, os créditos de carbono estándar (contabilizan toneladas de CO2 equivalente absorbidas ou reducidas) e aqueles créditos de carbono denominados ECO, incluídos en proxectos que á súa vez xeren beneficios no referente á conservación do mar, do medio ambiente, á natureza; á biodiversidade; á prevención e defensa contra os incendios forestais, ao fomento da madeira con usos de vida longos e ao desenvolvemento da poboación rural. Preténdese, deste xeito, que estes créditos de carbono que engadan servizos ecosistémicos e sociais acaden un maior prezo de transacción na súa venda.

A Xunta, dentro do seu compromiso de acadar a neutralidade climática, a máis tardar no ano 2040, está na liña de fomentar o desenvolvemento sostible do territorio. Isto, impulsando entre outros os proxectos que contribúan a absorber carbono como medida para compensar as emisións de gases de efecto invernadoiro que se producen noutras actividades, aproveitando o seu capital natural, como as masas forestais, a agricultura e a acuicultura para xerar o apoio á renda no medio rural.

A Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, actualmente en tramitación, regula o mercado de créditos de carbono da Xunta, establecendo que a operación do Sistema voluntario de créditos de carbono desenvolverase regulamentariamente mediante decreto do Consello.

Pola súa banda, a Lei de montes de Galicia establece que a realización de negocios xurídicos que teñan como obxecto a cesión ou mantemento do dióxido de carbono, presente ou futuro, almacenado nos montes considerarase como un aproveitamento forestal. Neste contexto, anuncia a potestade da Xunta para a creación dun mercado voluntario de carbono que permita a participación de diversos axentes.

Plan Forestal

Na mesma liña, a revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica establece a creación dun programa de xestión forestal activa para o incremento da capacidade de fixación de carbono e a resiliencia das masas forestais ao cambio climático, en coherencia coa integración na política forestal dos obxectivos da acción internacional sobre cambio climático. Deste xeito, proponse fomentar a xestión forestal activa para a mellora e o incremento da capacidade de fixación de carbono das masas forestais, e a mitigación e adaptación ao cambio climático dos montes galegos como infraestruturas verdes mediante liñas de fomento de prácticas de silvicultura adaptativa.

Todo este contexto lexislativo permite a organización inmediata deste mercado voluntario. A experiencia extraída desta primeira liña de acción permitirá a súa réplica nas outras actividades consideradas como de alto potencial de secuestro de carbono.

Cómpre engadir que esta iniciativa do mercado voluntario de créditos de carbono está vinculada cos esforzos que vén facendo a Xunta nesta materia a través do xa mencionado proxecto SICLE, a Estratexia Galega de Cambio Climático e a Lei do clima de Galicia.

Interese polo emprego de materiais alternativos na construción

Este mercado de créditos de carbono alíñase co fomento da madeira na construción, sector no medra o interese por outros materiais estruturais para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro dentro dunha estratexia de mitigación do cambio climático.

Este secuestro de carbono atmosférico na madeira e o efecto substitutivo por aceiro/formigón en países nórdicos (Noruega e Finlandia) así como en Bélxica xa se están implantado desde o ano 2019 mercados de carbono voluntarios baseados na incorporación de elementos de madeira que posúan longos ciclos de vida (estrutural), denominados Carbonated building elements ou Wooden building elements. Esta monetización das toneladas de CO2 equivalente secuestradas na madeira de elementos construtivos sería unha solución realista ante o sobrecusto existente na fase de construción. Os prezos que refiren as promotoras destes sistemas de créditos voluntarios de carbono varían actualmente na contorna da 26€ por tonelada de CO2 equivalente.

Seguindo nesta liña, centrada na redución destas emisións, ata un 20% das edificacións promovidas polo Goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá de xeito gradual a partir de 2024. Esta aposta consolídase coa convocatoria de 2 millóns de euros para incentivar a construción en madeira no ámbito privado que previsiblemente se publicara no primeiro trimestre do ano 2024.

R., 2023-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES