Noticias

O Observatorio da Vivenda alerta de que a nova Lei estatal permitiría declarar como tensionados entre un 20 e un 30% dos concellos galegos

Un informe presentado ante o Observatorio da vivenda de Galicia, órgano de carácter consultivo no que están representados promotores e axentes inmobiliarios, arquitectos e administracións locais, entre outros colectivos do sector, conclúe que en aplicación dos diferentes indicadores que propón a Lei estatal polo dereito á vivenda, a Comunidade podería chegar a ter entre un 20 e un 30% de concellos tensionados. Antes de presidir a reunión do pleno do organismo, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou que o punto principal a tratar sería o referido estudo, no que se analizan os prezos dos alugueiros ou o IPC, ademais doutros datos, co fin de clarificar a incidencia que podería ter a declaración de zonas tensionadas no conxunto de Galicia.

Cómpre lembrar que as áreas tensionadas son un instrumento previsto na nova Lei de vivenda estatal e cuxa aplicación permite a adopción de limitacións nos prezos do alugueiro e doutras medidas para intervir no mercado naquelas zonas en que, en virtude dunha serie de indicadores, se entende que pode existir risco dunha oferta insuficiente.

Neste sentido e tras incidir na “falta de concreción” da norma sectorial aprobada este ano, xa que abre a porta a aplicar unha serie de medidas con incidencia directa no mercado do alugueiro pero sen concretar ao detalle os criterios a seguir, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta tiña claro “desde o principio” que non ía apostar “de oficio” por unha figura que, lembrou, xa demostrou “a súa ineficacia noutros países”.

“Tiñámolo claro pero queriamos contrastalo”, indicou a vicepresidenta, en referencia ao informe presentado ante os membros do Observatorio. Segundo explicou, nel conclúese que tendo en conta o Indicador de accesibilidade de vivenda (IAV) do Estado, Galicia tería case un 30% de concellos tensionados (concretamente 92) e no caso de aplicar os datos das fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, a cifra baixaría ao 20% (un total de 68 municipios), ambos índices previstos na propia lei estatal.

Así mesmo, Vázquez Mejuto salientou que dentro dese 30% hai datos “curiosos” como o feito de que municipios como Coirós, Rodeiro ou Amoeiro, con menos de 2.500 habitantes e unha media inferior a 100 vivendas construídas en 5 anos, reunirían as condicións para ser declarados concellos tensionados, o que, dixo, demostra e “reforza” a postura da Xunta respecto á eficacia deste tipo de instrumentos.

Por todo o exposto, lamentou a “falta de rigor” da Lei polo dereito á vivenda e a súa “nula fiabilidade” á hora de impulsar medidas que inflúan positivamente no mercado da vivenda xa que, de feito, indicou que desde a súa entrada en vigor se está a detectar que unha porcentaxe de vivendas están saíndo do mercado “pola inseguridade xerada”.

“Non é a solución en absoluto”, declarou a vicepresidenta, que insistiu na urxencia de que o Goberno central convoque xa a Comisión bilateral solicitada pola Xunta para clarificar a lei e resolver as dúbidas competenciais que implica.

56 M€ ampliables nunha vintena de medidas

O pleno do Observatorio da vivenda de Galicia tamén abordou as previsións para 2024 desde o punto de vista das políticas no eido residencial, que se plasmarán nunha vintena de liñas de axudas e programas cun orzamento ampliable de 56 millóns de euros e que facilitarán o acceso dos galegos a unha vivenda, en réxime de compra ou alugueiro, e a execución de obras de rehabilitación nos inmobles xa existentes.

Neste sentido, explicou cales son, desde o punto de vista da Xunta, as “dúas prioridades” en materia residencial: por un lado, ofrecer máis vivenda a prezos accesibles no territorio e por outro, facilitar o acceso a un fogar en alugueiro a aquelas persoas e colectivos que polas súas circunstancias adoitan ter máis complicado dar este paso.

Para avanzar no primeiro obxectivo, Ángeles Vázquez referiuse ás axudas de ata 50.000 euros que ofrecerá o seu departamento a pomotores públicos e privados para animalos a construír vivenda en alugueiro e con relación ao segundo, referiuse ás novas axudas para o arrendamento, que na convocatoria de 2024 primarán aos menores de 36 anos, ás familias numerosas e ás monoparentais, aos emigrantes retornados e ás persoas que leven máis dun ano inscritas como demandantes de vivenda protexida en Galicia.

R., 2023-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES