Noticias

Galicia reclama que o Goberno de España complete a renovación das infraestruturas e reforme a xestión dos servizos do ferrocarril galego

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reclamou hoxe que o Goberno de España complete a renovación das infraestruturas e reforme a xestión dos servizos de ferrocarril galego para garantir o seu futuro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, clausurou hoxe o Congreso Extraordinario do Sector Federal Ferroviario de FeSMC-UGT. Na inauguración participou, previamente, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

Vázquez Mourelle explicou que en Galicia o ferrocarril ten un carácter fundamental para a vida dos cidadáns, pero está a ser unha preocupación común por mor da degradación dos servizos como consecuencia dunha xestión que é “mellorable”.

Insistiu en que contar cun ferrocarril de calidade e con futuro exixe que o Goberno complete a renovación das infraestruturas. Así, referiu a necesidade de conectar Lugo e Ferrol coa rede de alta velocidade, dotando o FEVE duns estándares mínimos de calidade, así como modernizar as liñas A Coruña-Lugo e Ourense-Vigo ou de impulsar con determinación unha conexión en alta velocidade entre Galicia e Portugal.

Reclamou, tamén, unha actuación para mellorar a xestión dos servizos, cun calendario certeiro para a chegada a Galicia dos trens Avril, a reposición das frecuencias que foron anuladas por mor da pandemia e que seguen sendo demandadas polos viaxeiros e cunha oferta de frecuencias suficiente para atender ao conxunto da demanda nos principais corredores.

Ademais, salientou a importancia de dimensionar adecuadamente as plantillas de persoal para asegurar que todos estes obxectivos sexan posibles a medio prazo.

Destacou o diálogo con representantes sindicais para conseguir superar o reto da renovación do mapa concesional de transporte por estrada en Galicia. Lembrou que a Xunta logrou facer viable un sistema de transporte con 3.500 liñas nunha comunidade con especial orografía e dispersión territorial.

Subliñou que hoxe o transporte público autonómico chega onde antes non chegaba, os traballadores teñen un futuro laboral e todos os axentes implicados manteñen unha canle de diálogo fluída.

Neste sentido, avogou por que os responsables públicos con competencias en materia de transporte escoiten aos profesionais do sector para atender as necesidades na medida do posible e contribuír á prestación de mellores servizos aos cidadáns.

Axilidade administrativa, solo industrial e infraestruturas modernas

Pola súa banda, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, que participou na inauguración do congreso, puxo de manifesto o traballo da Xunta para que Galicia avance, e para que o faga nun marco de estabilidade e certezas, que é o que necesita a economía, dixo. Ao respecto, apuntou que a axilidade administrativa, xunto cunha política favorable de acceso ao solo industrial e unhas infraestruturas de comunicación modernas, son factores fundamentais para xerar músculo industrial.

Nesta liña, aseverou que Galicia non vai renunciar a obter un compromiso explícito do Goberno co Corredor Atlántico, que é unha infraestrutura clave para o ecosistema económico de todo o noroeste. “Ao tecido empresarial galego e ás asociacións de empresarios non podemos pedirlle máis porque están a dalo todo para que se nos escoite”, recoñeceu, avogando polo diálogo.

R., 2023-11-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES