Noticias

O goberno galego reclama o apoio da oposición para conseguir financiamento do Goberno para os grandes proxectos tractores en Galicia

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento no que resta de lexislatura, entre as que avanzou a posta en marcha dun Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais. Segundo explicou, este plan forma parte da nova Estratexia de Política Industrial de Galicia que contempla, ademais, a elaboración dun mapa industrial da Comunidade e de plans directores para os diferentes sectores. O obxectivo, dixo, é facer de Galicia un polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación.

Lorenzana defendeu unha política industrial atractiva, segura e competitiva, vinculada co fomento da enerxía renovable. Ao respecto, subliñou que, en virtude do plan de aceleración de proxectos, estenderase a figura dos Proxectos Industriais Estratéxicos a iniciativas de menor tamaño, concretamente a partir de 2 millóns de euros e 25 empregos, e darase publicidade ao estado de tramitación.

No marco desta nova estratexia de política industrial, adiantou que o mapa que se vai facer incluirá a información sobre a implantación actual dos distintos sectores en Galicia, co fin de fomentar as sinerxías entre as distintas actividades industriais. Ademais, contemplará información xeral sobre as infraestruturas esenciais e necesarias para a implantación dos proxectos.

En relación aos plans directores por sectores, a conselleira explicou que teñen como fin potenciar a actividade industrial e o emprego no sector concreto que corresponda. Definiranse os obxectivos que se pretenden conseguir dentro dun ámbito temporal e determinaranse os mecanismos e os medios para a súa consecución. Neste contexto, no relativo ás medidas de financiamento para dotar de liquidez as empresas, anunciou unha nova liña de subsidiación de xuros para incentivar os procesos de reestruturación das débedas financeiras ao que se poderán acoller as empresas da cadea mar-industria.

Enerxía renovable

Logo de avanzar, tamén, que se vai elaborar un Plan para a mellora da seguridade industrial en Galicia, que recolle a creación do Consello Galego de Seguridade Industrial, a conselleira referiuse, por outra banda, á Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se prevé que entre na Cámara este mesmo ano. Lorenzana indicou que, ao tempo que se protexe o medio ambiente, búscase un retorno social e económico dos proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables, daqueles que requiren da concesión de augas para os usos que a lei determina e de dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros.

Nesta liña, tamén mencionou que a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas demostra o pulo que a Xunta lle quere dar ao despregamento da enerxía eólica. De acordo ao establecido, declárase de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro de 2022, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables.

Segundo dixo, o desenvolvemento industrial futuro de Galicia require garantir a subministración de enerxía a un prezo competitivo a partir de tecnoloxías medioambientalmente sustentables. Existen 32 iniciativas industriais relevantes en Galicia que van demandar 8 TWh adicionais de electricidade ao ano. Tamén investimentos potenciais na Comunidade por valor de 6.328 millóns de euros que xerarían emprego directo para máis de 7.000 profesionais, que dependen de asegurar a subministración eléctrica a medio prazo. A este investimento habería que engadir un contía adicional moi relevante para o desenvolvemento da potencia eólica necesaria para fornecer electricidade a esas instalacións.

Fondo e utility

Neste contexto, como instrumentos que van ser clave no desenvolvemento desta nova estratexia de política industrial, a conselleira mencionou, por un lado, o fondo de capital público-privado que se vai crear para atraer cara a Galicia o investimento de entidades privadas e financiamento dos Next Generation. Será dixo, un vehículo que permita investir nos proxectos en marcha e, así mesmo, actuar como promotores doutros novos proxectos Para isto, a Xunta achegará un investimento de arredor dun 10 por cento, co límite máximo de 30 millóns de euros, para acompañar aos investidores. O volume mínimo para realizar o investimento será a captación de 300 millóns de euros e cun obxectivo máximo de 800 millóns de euros. Os investimentos realizaranse maioritariamente no territorio, podendo existir certas excepcións, pero garantindo que polo menos a contía da achega pública se invista en Galicia.

Por outra banda, tamén se referiu á utility ou sociedade mercantil pioneira en España, que investirá en entidades instrumentais que desenvolvan proxectos relacionados cos recursos naturais de Galicia, fomentando a venda de enerxía renovables a prezos competitivos a consumidores galegos e a implicación de actores locais para xerar beneficios socioeconómicos no territorio.

Como conclusión, salientou a importancia que vai ter a innovación e medidas como a convocatoria de axudas para o fortalecemento e ampliación das capacidades dos Centros Tecnolóxicos Galegos (Feder-Infraestruturas), pioneira en España. Con respecto á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, avanzou, entre outras medidas, que a marca Galicia Calidade se abrirá a novos sectores como o téxtil, o tecnolóxico ou a minaría.

R., 0000-00-00

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES