Noticias

Un equipo de investigadores e investigadoras das universidades de Vigo e Oviedo busca solucións para poder colonizar a Lúa

Teremos que volver a ser mulleres e homes das cavernas para poder colonizar a Lúa? Esta é a pregunta á que busca resposta a Axencia Espacial Europea mediante unha serie de proxectos, entre eles, Antennas for Underground Communications, no que colaboran investigadoras e investigadores das universidade de Vigo e Oviedo e a empresa EOSOL Ingeniería. Os responsables desta investigación recordan que, actualmente, existe un grande interese por volver á Lúa, pero esta vez para quedarnos. O problema reside en que a superficie luar é unha contorna sumamente hostil.

“Atopamos unha posible solución nos tubos de lava lunares, cavidades formadas durante erupcións volcánicas no remoto pasado luar, que poderían darnos acubillo”, destaca Germán López, investigador do Departamento de Enxeñaría Eléctrica, Electrónica de Computadores e Sistemas da Universidad de Oviedo.

O primeiro paso para a súa colonización consiste na exploración robótica do seu interior e aí é onde se enmarca este proxecto financiado pola Axencia Espacial Europea. O obxectivo é deseñar, fabricar e probar antenas para que os vehículos de exploración, máis coñecidos como ‘rovers’ pola súa denominación en inglés, se comuniquen dentro das covas e poidan enviar información do seu interior.

Para realizar os ensaios do proxecto elixiuse como localización as covas volcánicas de Lanzarote pola súa analoxía coas covas lunares, tomándose medidas na cova Los Naturalistas e no tubo de lava do volcán de La Corona. “Coas medidas realizadas buscamos validar os modelos físicos desenvoltos polo noso equipo de investigadores. Tanto estes modelos como as medidas realizadas utilizaranse para optimizar o sistema de comunicacións dos futuros robots exploradores”, engade Alejandro Gómez San Juan, investigador de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

9 investigadores da UVigo implicados no proxecto

Participan neste traballo, por parte da Universidade de Vigo, Marcos Arias, Lorena Pérez, Alejandro Gómez, Fernando Aguado, Antonio Pino, Óscar Rubiños, Fermín Navarro, Borja González e José Vázquez Cabo, todos eles de atlanTTic. Por parte da Universidad de Oviedo o equipo investigador está composto por Susana Loredo, Álvaro Pendás, Germán León, Luis F. Herrán e Miguel Fernández, xunto coas estudantes Sheila Moro e Alba Moro.

Desde o equipo de investigadores, tanto da Universidade de Vigo como da Universidad de Oviedo, queren agradecer o apoio recibido polo Servizo de Medio Ambiente e La Casa de los Volcanes do Cabildo de Lanzarote, así como á Federación Galega de Espeleoloxía. A maiores tamén desexan facer constar que a opinión aquí expresada non reflicte en modo algún a opinión oficial da Axencia Espacial Europea.

R., 2023-10-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES