Noticias

'A paisaxe galega desde a bicicleta', un visor interactivo que inclúe 52 rutas con máis de 2.300 km

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia vén de desenvolver unha ferramenta interactiva denominada ‘A paisaxe galega desde a bicicleta’, que permite realizar un percorrido virtual ao longo de 2.300 quilómetros pola nosa Comunidade a través de 52 rutas. O obxectivo é a divulgación e a conservación da paisaxe galega, combinadas coa práctica do ciclismo como actividade saudable e ecolóxica, dado que ofrece unha proposta turística sostible con cero emisións.

O visor interactivo ofrece a posibilidade de planificar rutas pola nosa comunidade seleccionando o nivel de dificultade desexado, o que fai que, ademais de seguras e naturais, sexan axeitadas para as familias.

Cada un dos percorridos que ofrece a plataforma contén fichas descargables con información sobre o mesmo, mapas, perfís de terreo, e localización de miradoiros e lugares de interese paisaxístico. Por outra banda, e co obxectivo de facilitar a planificación de cada ruta, ofrécese a posibilidade de almacenala en reloxos intelixentes, GPS, dispositivos móbiles, ou incluso na plataforma Wikiloc (que conta con 10 millóns de usuarios).

Este proxecto é froito do traballo do Instituto de Estudos do Territorio (IET) e da Federación Galega de Ciclismo, que procuraron ofrecer unha experiencia turística e de ocio diferente, e que permita descubrir desde a bicicleta as paisaxes galegas e todo tipo de elementos de interese turístico. Deste xeito, combínase o deporte coa conservación do patrimonio natural e coa posta en valor do territorio.

NoticiaAta o momento, ‘A paisaxe galega desde a bicicleta’ xerou un grande interese que supuxo máis de 14.400 visitas e 950 descargas en distintos tipos de dispositivos. Trátase, en definitiva, dunha alternativa de lecer sostible, integrador e saudable, que contribúe a diminuír a circulación do tráfico de vehículos e as emisións de dióxido de carbono, contribuíndo así á mitigación dos efectos do cambio climático.

R., 2023-10-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) O Pacto Mundial da ONU é a iniciativa de Nacións Unidas que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo. Conta con máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais a nivel global, entre elas, a española. O Cactus do Campus Terra da USC acolleu este luns 6 a xuntanza deste órgano que ten como obxectivo fomentar a implantación dos Dez Principios do Pacto Mundial ao mesmo tempo que promove a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no sector empresarial, sendo a única organización que conta co mandato de Nacións Unidas para este propósito.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). No proxecto titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa.

Notas

O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral.
Un consorcio formado por persoal investigador das tres universidades galegas, liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela pola docente Luzia Oca e a ONG Ecos do Sur, están a traballar no proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES