Noticias

Madrid homenaxea ao galego Antonio Palacios nunha gran exposición que reivindica o seu papel como arquitecto universal

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Madrid na inauguración da exposición Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo, na que a Xunta de Galicia colabora coa cesión da réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo elaborada polo profesor Javier Fondevila e alumnado do Instituto IES Politécnico de Vigo. O titular de Cultura da Xunta agradeceu ao Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid a súa homenaxe cunha retrospectiva que permitirá reivindicar o papel do galego Antonio Palacios como arquitecto universal.

“Toda a súa obra está chea de modernidade, de compromiso e de imaxinación, algo que lle fixo posible crear unha marca propia coa que logrou combinar vangarda creativa e modelo residencial galego”, indicou.

Neste sentido, durante o acto, que contou coa presenza do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, celebrou que a mostra inclúa unha peza icónica do seu traballo, a réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo elaborada polo mencionado docente e alumnado do Instituto IES Politécnico da cidadanía e que “pese a ser unha iniciativa que non puido chegar a realizarse, é quizais unha das pezas que mellor mostra a súa creatividade universal”.

“Desde Galicia, cando se cumpren case 150 anos do seu nacemento, sentímonos moi orgullosos da herdanza de Palacios e por iso é de agradecer que o seu traballo sexa tamén recoñecido en Madrid”, declarou.

Catro meses en Madrid

A réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo, xunto a outras pezas en homenaxe a Antonio Palacios, estará exposta nesta mostra durante catro meses no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM) para celebrar o 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés.

Esta peza xa formara parte da exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, no Museo do Mar de Galicia, nos anos 2021 e 2022 con grande éxito entre o público e posteriormente na Delegación da Xunta en Vigo.

R., 2023-09-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES