Noticias

Axudas para a mellora tecnolóxica e a redución do consumo enerxético das explotacións agropecuarias galegas

A Consellería de Economía, Industria e Innovación conta con 3,34 millóns de euros para favorecer a implantación de tecnoloxías eficientes nas explotacións agropecuarias galegas, co que se agarda reducir os consumos polo menos un 10%. Estas axudas de concorrencia non competitiva, procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Energética, poden ser destinadas tanto á mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de regadío como á mellora enerxética nas explotacións.

Na primeira liña (instalacións de regadío) estarían incluídas a substitución de grupo de bombeo por outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético, a implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos, a implantación ou modernización de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega, ou a instalación e substitución de baterías de condensadores nas estacións de bombeo, entre outras.

Na segunda liña (explotacións) entrarían as actuacións sobre a envolvente térmica, nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, a substitución da enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas, ou a reforma ou substitución de instalación de iluminación interior e exterior, por exemplo.

O importe máximo das axudas é dun millón de euros por proxecto, e poden ser solicitadas ata o 31 de decembro por persoas físicas e xurídicas que sexan titulares de explotacións gandeiras, comunidades de regadores, titulares de explotacións agrícolas de regadío, organizacións e asociacións de produtores agrícolas, comunidades de enerxías renovables, comunidades cidadás de enerxía e empresas de servizos enerxéticos.

NoticiaEste programa está encamiñado a promover o aforro e a eficiencia enerxética no sector agropecuario, mediante proxectos que permitan reducir custes enerxéticos e mellorar a eficiencia e a sustentabilidade. Ata o momento, isto traduciuse en 54 solicitudes por importe total de 2,09 millóns de euros, co que xa se mobilizaron 5,9 millóns de euros.

Axenda Enerxética

Estas axudas están enmarcadas dentro da Axenda Enerxética de Galicia 2030, unha folla de ruta da Xunta de Galicia que ten como obxectivo acadar a neutralidade climática en 2050 diminuíndo a dependencia enerxética do exterior mediante a descarbonización, facendo da nosa comunidade un polo enerxético innovador baseado nunha industria eficiente e sostible, e axudando ás familias galegas a aforrar e mellorar a súa eficiencia económica.

A Axenda Enerxética procura unha Galicia máis verde, sustentable, competitiva, innovadora e xusta, e propón 56 medidas arredor de sete eixos de actuación, sendo un deles a descarbonización do sector primario, do terciario, das actividades económicas e das administracións públicas.

R., 2023-09-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES