Noticias

A Formación Profesional galega marca un novo récord ao superar por primeira vez os 64.500 alumnos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a petición propia para informar do inicio do curso 2023-24 no ensino non universitario. Na súa intervención, o responsable educativo da Xunta anunciou que a Formación Profesional marca un novo récord de alumnos ao superar por primeira vez os 64.500 estudantes. En concreto, a falta de pechar a matrícula definitivamente os vindeiros días, son 64.570. Isto representa 3.687 persoas máis que no ano pasado, cando se contabilizaron 60.883. A nova cifra supón un crecemento do 6% respecto ao curso previo e un 86% máis que no curso 2008-09, cando cursaban FP 34.746 alumnos.

En opinión do conselleiro, estes datos reflicten “a enorme confianza e o valor que estas ensinanzas teñen polo seu prestixio e utilidade para Galicia”, unha realidade que a Xunta fixo posible ao longo dos últimos 15 anos e que agora potencia co Plan Conecta FP. Esta aposta prioritaria seguirá ampliándose este curso con novos proxectos como o programa InnovaTech FP, presentado onte, e que busca “impulsar a innovación tecnolóxica por parte do alumnado e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos”.

Esta iniciativa contará coa implicación do Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, que no seu primeiro ano en funcionamento ten xa numerosos proxectos en marcha con liñas de modernización, colaboración e alta especialización.

Transcorridas as primeiras semanas, “o curso escolar estase desenvolvendo con total normalidade”, explicou Román Rodríguez, quen agradeceu a todas as persoas que forman parte da comunidade educativa o seu esforzo e recoñeceu o traballo do profesorado e o seu compromiso coa mellora permanente do ensino galego.

“Un distrito educativo único”

Román Rodríguez salientou que cada inicio de curso é “un reto de organización” ante “un mapa vivo que muda todos os anos” e que cómpre planificar “tendo en conta criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de xestión responsable“. O conselleiro explicou que Galicia “funciona como un distrito educativo único, en igualdade de oportunidades con independencia de onde vivan os alumnos, nas cidades ou no rural”.

“Co actual sistema de organización, temos un dos mellores sistemas educativos á vangarda de España. Somos homologables e mesmo superamos a algunhas das rexións europeas de referencia”, enfatizou o conselleiro. “Por suposto, sempre aparecen demandas e novas oportunidades que hai que analizar, avaliar e reflexionar. Todo se pode avaliar con coherencia, estudando as opinións dos distintos axentes da comunidade escolar, na procura de melloras e avances para o sistema”, manifestou.

Reforzo do profesorado

Nun repaso por algunhas das cifras que marcan este curso, declarou que temos “preto de 2000 alumnos menos e, sen embargo, hai 370 profesores máis e tamén máis aulas”. Así mesmo, subliñou que, por terceiro ano consecutivo, a Consellería dispón do orzamento “máis alto da súa historia, con case 2.900M€” e que Galicia ocupa “postos de cabeza no ranking de inversión por alumno, sempre por riba da media estatal”, ao igual que no caso da rateo alumno/profesor, situada en 9,8 fronte a media nacional de 11,4.

“Acabamos de rematar un proceso de 4.000 prazas de novo ingreso e estabilización entre os anos 2022 e 2023, que converten a Galicia na comunidade con menor taxa de interinidade docente, un 2% estrutural fronte a media española do 25%”, resumiu Román Rodríguez, quen recordou que no ano 2024 haberá unha nova Oferta de Emprego Público de reposición “para continuar así apostando polos docentes”.

Modelo “propio con boa saúde”

O conselleiro definiu o modelo educativo galego como “propio e diferenciado” e afirmou que “goza de boa saúde” e destaca pola “calidade e equidade”, con “menos abandono escolar e máis inclusión e igualdade de oportunidades, cunha boa convivencia nas aulas”; así como pola dixitalización e innovación, facendo que os centros “sexa verdadeiros espazos de aprendizaxe, con melloras nas infraestruturas (1.372 obras nesta lexislatura a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica cun investimento de 243M€) e tecnolóxicas, ademais de programas de idiomas, bibliotecas ou reforzo, entre outros.

Como lembrou o conselleiro durante a súa intervención, esta boa evolución está avalada por indicadores independentes como o Informe PISA ou mesmo o recente estudo SociEducación 2023, elaborado entre outros por varias organizacións sindicais, que sitúan ao ensino galego como o terceiro mellor sistema educativo de España.

Para seguir mellorando, Román Rodríguez avanzou que a Xunta traballa nunha nova Estratexia de Inclusión Educativa, ademais de dar un novo pulo ao Plan de Benestar Emocional. De feito, a Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar, estreada hai dous cursos, dobra agora os docentes de 32 a 71. Nesta mesma liña, este outono será presentado o Plan integral contra o acoso e ciberacoso, pois “a convivencia e a igualdade son aspectos clave para un bo desenvolvemento humano e persoal”.

No eido da dixitalización, reiterou que “non é un fin en si mesmo, senón un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe, tanto para o profesorado como para o alumnado, enfocado sobre todo á creatividade e á aprendizaxe competencial”. De aí que Galicia queira “avanzar na aplicación de novas metodoloxías didácticas”. Neste senso, citou iniciativas como as primeiras materias específicas en España sobre intelixencia artificial, o investimento de 84M na dotación de Polos Creativos, Aulas Móbiles de Informática (AMI) e paneis interactivos, ademais de E-Dixgal, e a Rede Galega de Educación Dixital, “con 80 docentes como mentores para axudar coas novas tecnoloxías e o apoio do novo Centro de Innovación Educativa e Dixital para enfrontar os retos de futuro”.

Este proceso complétase con EdugalIA, “iniciativa ambiciosa e complexa que está chamada a converter a Galicia na primeira comunidade educativa en incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa e na loita contra o fracaso escolar”.

Máis apoio ás familias

Román Rodríguez detívose tamén en avaliar as medidas de apoio ás familias “nun momento complexo desde o punto de vista económico, cunha inflación tremendamente elevada e con moitas familias que o están pasando mal”. Ao respecto, enumerou as distintas iniciativas aprobadas co reforzo das axudas para material escolar, que chegan a 130.000 alumnos, un 40% máis que o ano pasado, e máis axudas para libros de texto. Isto fai que este curso, a Xunta invista o dobre que antes da pandemia neste fin.

De feito, segundo un recente estudo da Asociación Nacional de Editores de Libros y Material de Enseñanza, Galicia é a comunidade autónoma que máis axuda dá por alumno para os libros de texto: 198,7 euros/alumno fronte aos 112,6 da media nacional.

A isto súmase “unha das redes máis potentes no ámbito do transporte e o comedor escolar”. En conxunto, son medidas que aforran máis de 100M€ ás familias.

Nova lei educativa e ABAU

O conselleiro referiuse tamén ás “repercusións negativas” polos cambios organizativos da nova lei educativa estatal, a coñecida como Lomloe, que Galicia cumpre “sen renunciar ás súas competencias” e “solucionando todas as eivas posibles para preservar a calidade do noso ensino”. Segundo o conselleiro, a proba das “tensións” creadas por esta nova normativa “quedou de manifesto coa nova ABAU”. “O Ministerio de Educación acertou cando atendeu a proposta da Xunta de paralizar este modelo”, afirmou.

Á vista dos resultados das eleccións autonómicas, cun cambio xeral de gobernos nas distintas comunidades, Román Rodríguez ve “necesario que o Goberno central abra un novo novo proceso de diálogo e escoite ás comunidades, que son as que van ter que aplicar a reforma”. Igualmente, reclamou acabar coas “improvisacións” en aspectos como o desenvolvemento da nova lei de FP ou a implantación da cotización á Seguridade Social do alumnado de FP e das universidades que realizan prácticas formativas.

R., 2023-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES