Noticias

Os actos centrais do 30 aniversario do CGAC incluirán un espectáculo de danza vertical e un videomapping na fachada

As conmemoracións do 30 aniversario do CGAC, inaugurado o 29 de setembro de 1993, terán a vindeira semana os actos centrais cunha completa programación que incluirá un espectáculo de danza vertical na fachada, unha proxección de vídeomapping, visitas guiadas en horario especial e unha noite de concertos, ao que se sumará tamén a inauguración dunha nova exposición que repasa a historia do CGAC vinculada á arte conceptual. Todas as actividades poderán gozarse de balde e nelas terá unha importancia singular a propia arquitectura do CGAC, obra de Álvaro Siza. Así, a noite do venres 29, os muros exteriores e a terraza converterase en escenario dun espectáculo de danza vertical coa peza Finale, da compañía Delrevés.

A partir das 21,00 horas mesturarase danza contemporánea e artes dixitais ao tempo que se incorporarán secuencias de danza clásica. De feito, dependuradas da estrutura do edificio, as bailarinas Saioa Fernández e Sheila Ferrer interpretarán pezas de ballets como O lago dos cisnes ou O Crebanoces.

Tras o espectáculo, realizarase unha sesión de vídeomapping en 3D sobre a fachada do museo a cargo de Maxina. Mediante un xogo de luces e ilusións ópticas, a proxección percorrerá os 30 anos de historia do CGAC evocando algunhas das obras que no seu día estiveron expostas nos seus espazos máis representativos.

Faia, Malandrómena e Jungle by Night

O sábado 30 as actividades continuarán con tres concertos nos exteriores do museo a partir das 21,00 horas. Todos serán tamén de acceso libre e de balde. A primeira actuación correrá a cargo de Faia, artista que traballa coa música de tradición oral coa voz como ferramenta esencial. Recuperará coplas transmitidas de boca en boca que, á súa vez, completará con novas voces nun recital sobre a memoria colectiva do CGAC.

O grupo de rap compostelán Malandrómena continuará a noite de música e, para pechar as celebracións, contarase coa banda Jungle by Night integrada por sete rapaces neerlandeses cuxos directos os converten en estrelas improvisadas de todos os festivais nos que participan.

Nova proposta artística

As celebracións compleméntanse coa inauguración da nova exposición Implosión. Arte conceptual na colección CGAC (1965-1975), que reunirá varias pezas entre a colección do museo, así como novas adquisicións recentes que aínda non foran mostradas, doazóns e un grupo de préstamos temporais de coleccionistas galegos ou de distintas institucións como o Museo Centro de Arte dos de Mayo. Os actos centrais do 30 aniversario do CGAC incluirán un espectáculo de danza vertical e un videomapping na fachada

Súmase ao proxecto expositivo en dobre sede Traballo en equipo 30 anos do CGAC desde xuño pode verse no CGAC e no Museo Centro Gaiás. Con motivo da efeméride, a mostra entra na súa recta final cun programa de actividades con visitas comentadas especiais guiadas polos seus comisarios: o director do CGAC, Santiago Olmo, e a coordinadora de exposicións do Museo Centro Gaiás, Verónica Santos, e tamén polos artistas plásticos Jorge Perianes e Mónica Alonso, que asinan dúas das obras da mostra, ambas cun carácter marcadamente inmersivo —un bosque narrativo e perturbador que dá a benvida á propia exposición e unha habitación que afonda na relación entre arte e curación a través do uso da cor. As visitas son de balde con reserva na web cidadedacultura.gal e celebraranse ás 12,00 horas os sábados 30 de setembro e 14 de outubro.

R., 2023-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES