Noticias

A Xunta e Cáritas Galicia formarán a persoas inmigrantes en situación irregular en sectores con demanda laboral

O Consello da Xunta ven de autorizar un convenio de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e Cáritas Federadas en Galicia para o desenvolvemento dun proxecto piloto de arraigamento para a formación de persoas inmigrantes en situación irregular en sectores nos que precisan man de obra, facilitando que atopen neles un posto de traballo. É unha iniciativa pioneira que persegue que estas persoas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, contribuindo a facer fronte á escaseza de persoal en sectores con problemas para atopar man de obra.

Sobre este proxecto, o presidente Rueda precisou que poderán beneficiarse persoas en situación irregular en España, cunha permanencia mínima de dous anos no país, sen antecedentes penais. Tamén avanzou que a Xunta investirá preto de 400.000 euros neste programa e no que se prevé que este ano participen inicialmente entre 65 e 70 persoas inmigrantes en situación irregular.

O acordo formalizarase tras a entrada en vigor o ano pasado do real decreto polo que se modificou o Regulamento da Lei orgánica sobre dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España e a súa integración social, co que tamén entrou en vigor a nova figura do arraigo para a formación. Deste xeito, aquelas persoas que residan en España en situación irregular e cumpran un compromiso efectivo de formación poderán obter unha autorización de residencia.
Desenvolvemento do convenio

O proxecto piloto está integrado por un itinerario de arraigo para a formación que arrancará coa captación de potenciais persoas participantes, coa prospección empresarial para determinar ámbitos de formación con maiores posibilidades de inserción laboral e coa selección das persoas beneficiarias. Posteriormente, elaboraranse itinerarios individualizados de arraigo para a formación nos cales deberán incluírse accións de diagnose, deseño, seguimento e acompañamento, así como accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades para o acceso e a permanencia no mercado laboral.

Seguidamente, o proxecto piloto inclúe a formación capacitante para obter a autorización de arraigo para a formación tendo en conta os resultados da prospección empresarial, a inserción laboral das persoas participantes, que deberá ser a través dun contrato de traballo relacionado coa familia profesional da formación recibida e acreditada no arraigo para a formación e, por último, o acompañamento e seguimento individualizado durante todo o proceso de arraigo para a formación, incluída a fase de inserción laboral.

No marco do convenio, a entidade Cáritas Federadas en Galicia comprométese a desenvolver todas as accións e funcións descritas e a poñer á disposición os recursos humanos e materiais precisos para a súa execución. Pola súa banda, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, alén de achegar preto de 400.000 euros para o obxecto do acordo, comprométese a facilitar a información de que dispoña relativa a ofertas de traballo non cubertas e aos perfís profesionais máis demandados.

Compromiso da Xunta

No eido da formación, a iniciativa enmárcase nos programas levados a cabo pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, nomeadamente a través da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, co fin de impulsar a formación de cara á consecución dun traballo estable e de calidade e, ao tempo, cubrir as vacantes existentes no mercado laboral.

En referencia a novos traballadores procedentes do exterior, cómpre mencionar a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, na cal se enmarca a Estratexia Cualifica Retorna, que favorecerá o regreso de centos de galegos cun contrato de traballo indefinido buscando conectar as vacantes laborais con perfís altamente cualificados doutros países.

R., 2023-08-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES