Noticias

Unha nova ferramenta gratuita para o sector forestal, para facilitar a trazabilidade dos produtos da madeira con tecnoloxía Blockchain

A Xunta puxo a disposición da industria forestal unha ferramenta gratuíta que permite etiquetar a trazabilidade dos produtos mediante o uso da tecnoloxía Blockchain. FORTRA é unha plataforma desenvolvida pola AMTEGA e a Axencia Galega da Industria Forestal en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural. A tecnoloxía blockchain asegura que os datos non poden ser manipulados ou eliminados unha vez son introducidos e asinados en cada elo da cadea, o que ofrece unha garantía de autenticidade e transparencia. Isto permite que os produtos leven unha etiqueta que ofrece toda a información sobre a orixe a e transformación da madeira.

Ademais das características técnicas ou o cálculo de valor na pegada de carbono, a etiqueta permite coñecer a orixe exacta da madeira (lugar e referencia catastral), e mesmo proporcionar enlaces web coa localización cartográfica. Tamén informa sobre especies, volumes, lotes, porcentaxe de uso de cada lote ou, no seu caso, sobre a existencia dunha certificación forestal. A etiqueta contén, así mesmo, unha relación de todas as operacións de procesado e política de proximidade (Km 0).

O obxectivo de FORTRA é actuar como unha ferramenta de mercado, de carácter comercial, que permita ao sector diferenciar o seu produto e mellorar o seu posicionamento nos mercados nacional e internacional. A plataforma, avalada pola Xunta, permite a presentación dos produtos da madeira de Galicia como produto de proximidade, cunha pegada de carbono negativa, libre de deforestación e baixo parámetros de xestión forestal sustentable e, no seu caso, certificado.

A plataforma FORTRA foi unha das boas prácticas seleccionadas polo proxecto europeo Wood Circus do programa Horizonte 2020 da UE que ten como obxectivo principal promover as cadeas de valor baseadas na madeira como parte clave dunha biocoenomía circular en Europa. Foi tamén un dos proxectos finalistas dos Blockchain Alastria Awards 2023.

O proxecto deriva do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 e iniciouse cunha primeira fase piloto no 2020. Na actualidade está en fase progresiva de implantación e conta con 12 empresas activas na plataforma –ás que desde a Xunta de Galicia se acompañou e apoiou para a incorporación á ferramenta– e a traza de 153 produtos. Recibiu cerca de 5.500 consultas de trazabilidade por parte de máis de 1.600 persoas usuarias. O cálculo de CO2 retido é de cerca dun millón de quilos. Pódese obter información de detalle no enderezo https://fortra.xunta.gal/

R., 2023-08-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES