Noticias

Galicia defende a necesidade de fuxir de medidas en exceso medioambientalistas na xestión pesqueira e que se teña en conta ás rexións na toma de decisións

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, trasladou hoxe ao presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, a preocupación de Galicia ante a forte deriva medioambientalista da Comisión Europea que se reflicte en restricións á actividade pesqueira como o veto á pesca de fondo decretado o ano pasado en 87 zonas de augas comunitarias e os seus plans para restrinxir máis a pesca de arrastre. Nesta liña, o titular de Mar defendeu a necesidade de que Bruxelas teña en conta a realidade das rexións pesqueiras á hora de lexislar e de tomar decisións que afectan á actividade da frota baseándose en estudos serios e rigorosos.

Alfonso Villares fixo fincapé nestes asuntos durante a reunión mantida esta tarde co responsable da Comisión de Pesca da Eurocámara e celebrada en Vigo coincidindo coa xuntanza informal de ministros de Pesca da UE para debater sobre a descarbonización dos buques. A este encontro tamén asistiu o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana.

En relación con normativas como a prohibición da pesca de fondo, o conselleiro lamentou a falta de avaliacións rigorosas sobre o seu impacto e transmitiu a Pierre Karleskind que a Xunta seguirá defendendo os intereses da frota a todos os niveis para garantir o futuro da actividade pesqueira. Mostra disto é o recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela contra o veto á pesca de fondo no que a Xunta de Galicia foi admitida recentemente como parte coadxuvante polo Tribunal Xeral da UE.

A Administración galega tamén seguirá traballando para frear as pretensións de Bruxelas en relación coas restricións á pesca de arrastre que recolle o Plan de Acción sobre os fondos mariños. Nesta liña, Galicia pide á Comisión Europea que escoite ao sector e aos Estados membro para tomar decisións que atendan ao equilibrio entre os aspectos medioambientais e socioeconómicos.

Isto mesmo, engadiu Alfonso Villares, é necesario noutras cuestións como a Lei de restauración da natureza que está en tramitación e que na súa forma actual conducirá a unha menor produción de alimentos en Europa, elevando aínda máis os seus prezos. Neste ámbito a comunidade galega agarda que as distintas autoridades españolas e europeas realicen as xestións oportunas para que se reformule a proposta e se garanta a seguridade alimentaria e o futuro do sector primario.

Descarbonización

En canto á descarbonización da frota -o tema central do Consello de Ministros de Pesca organizado polo Goberno central na cidade olívica- Alfonso Villares expuxo a Pierre Karleskind o compromiso de Galicia a prol deste obxectivo, pero sempre que sexa de xeito equilibrado, xusto e asumible para o sector marítimo-pesqueiro. Para iso, sinalou o conselleiro, é fundamental que se teña en conta a baixa pegada de carbono da pesca, o marisqueo e a acuicultura e que a transición enerxética se realice cando haxa alternativas viables aos combustibles fósiles, que na actualidade non existen.

Neste encontro, o titular de Mar tamén lamentou a ausencia de representación de Galicia nas visitas e xuntanzas informais realizadas no marco do cumio de ministros de Pesca da UE e a escasa participación e presenza outorgada á Administración autonómica, malia que Galicia é a principal comunidade pesqueira de España e a máis importante da UE.

R., 2023-07-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) O Pacto Mundial da ONU é a iniciativa de Nacións Unidas que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo. Conta con máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais a nivel global, entre elas, a española. O Cactus do Campus Terra da USC acolleu este luns 6 a xuntanza deste órgano que ten como obxectivo fomentar a implantación dos Dez Principios do Pacto Mundial ao mesmo tempo que promove a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no sector empresarial, sendo a única organización que conta co mandato de Nacións Unidas para este propósito.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). No proxecto titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa.

Notas

O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral.
Un consorcio formado por persoal investigador das tres universidades galegas, liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela pola docente Luzia Oca e a ONG Ecos do Sur, están a traballar no proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES