Noticias

O sector do viño en Galicia: Case 500 adegas, máis de 10.000 viticultores e 230.000.000 € ao ano

No Pazo de Quián (Boqueixón), vense de clausurar a gala das Catas de Galicia 2023, na que o Conselleiro de Medio Rural felicitou aos premiados cos mellores viños, augardentes e licores tradicionais deste ano e destacou o papel do sector vitivinícola para levar a marca Galicia por todo o mundo e impulsar a economía no rural galego. No acto, o exconselleiro de Agricultura Fernando Garrido, recibiu o premio de honra en representación de todas as persoas que hai máis de 35 anos apostaron polo potencial do sector.

José González destacou que Galicia é un referente do sector vitivinícola, un eido conformado por preto de 500 adegas, no que traballan máis de 10.000 viticultores e que xera un valor económico de 230 millóns de euros ao ano na comunidade. Seguindo esta liña, salientou a evolución do sector desde principios dos anos 80 e recoñeceu o labor das persoas que naquela época contribuíron a impulsar este eido que hoxe en día é un dos motores da economía no rural galego.

Rematou sinalando que a Xunta segue traballando co obxectivo de mellorar e consolidar este sector con medidas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia ou con axudas específicas para que o sector comercialice os produtos -13 millóns de euros nos últimos cinco anos-, promocione o viño galego no exterior (5,7 millóns) ou para a reestruturación de viñedos (10 millóns) no mesmo período. A estas hai que engadir outras iniciativas que contribúen a impulsar este eido como a Lei de recuperación da terra agraria -que busca poñer en valor terreos en desuso ou abandonados e no marco da cal se impulsan figuras como os polígonos agroforestais destinados a viñedo- ou a Lei da calidade alimentaria, con medidas para impulsar a calidade nos produtos de orixe galega.

Catas 2023

Na edición deste ano das Catas de Galicia inscribíronse un total de 384 mostras de viño, 264 de branco e 120 de tinto, procedentes de 166 adegas das cinco denominacións de orixe e das catro indicacións xeográficas protexidas de viños galegos. Así mesmo, rexistráronse un total de 44 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais de Galicia, pertencentes a 16 empresas. Neste caso con 14 de augardente de Galicia, 5 de augardente envellecida, 5 de augardente de herbas, 8 de licor de herbas e 12 de licor café.

R., 2023-06-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES