Noticias

Galicia solicita 4,36 M€ dos orzamentos estatais deste ano para o lobo

A Xunta de Galicia aspira a lograr un total de 4,36 millóns de euros dos fondos estatais reservados nos orzamentos de 2023 a previr e paliar os posibles danos causados polo lobo no sector agrogandeiro, a mesma contía que lle correspondía o ano pasado pero que o Goberno central se negou a transferirlle pola súa negativa a subscribir a nova Estratexia nacional da especie. Así o defendeu esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen participou de forma telemática en representación do Executivo galego na reunión da Comisión estatal para o patrimonio natural e a biodiversidade, preparatoria da Conferencia sectorial de Medio Ambiente na que Goberno central e comunidades acordarán o reparto territorial definitivo.

Tras lembrar que Galicia xa remitiu a comezos de marzo a súa solicitude para optar aos fondos que o Ministerio prevé destinar este ano ao lobo, do Campo ratificou ante a Comisión estatal que a Xunta solicita 2,41 millóns de euros da partida reservada a medidas preventivas e outros 1,95 millóns para compensar ao gandeiros polos danos sufridos nas súas explotación e cabezas de gando.

En todo caso e tendo en conta que a distribución autonómica se concretará na próxima Conferencia sectorial —con convocatoria prevista para mediados deste mes—, a directora xeral aproveitou a reunión para expoñer a súa inquedanza ante o “atraso” co que o Goberno central abordará un ano máis este reparto territorial.

Neste sentido, advertiu de que o traspaso dos fondos para o lobo previstos nos orzamentos de 2023 non se poderá facer ata a segunda metade do ano o que dificultará a súa xestión e execución, algo que, segundo recordou, xa ocorrera o ano pasado, cando as primeiras transferencias efectivas se fixeron no mes de setembro.

R., 2023-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (camino-cunchas.jpg) O Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido. Esta cifra enmárcase dentro da boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%.
Foto de la tercera plana (videnda-igvs-02.jpg) A Xunta de Galicia vén apostando durante os últimos anos pola rehabilitación de inmobles residenciais, ofrecendo medidas directas para reforzar o parque público de vivendas, pero tamén concedendo diversas axudas económicas, tanto a particulares como a comunidades de veciños e entidades promotoras. Dentro destas liñas de actuación, en abril de 2019 aprobouse a que foi a primeira Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que promovía a recuperación e rehabilitación do patrimonio xa construído.

Notas

A resolución de problemas asociados á alta xeración de residuos agrícolas e forestais, que se acumulan cada vez en maior medida debido ao abandono do medio rural e que causan unha gran cantidade de incendios. Con este obxectivo lanzouse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o proxecto europeo Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables (Newpower). Liderado desde a Universidade de Vigo e cun orzamento total de 1,3 millóns de euros, aúna once socios de Portugal, Francia e España.
A Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, a través do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, amosou múltiples aplicacións que se abren co uso dos videoxogos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES